O interese internacional polo modelo urbano de Pontevedra non cesa. Dúas novas cidades mostraron o seu interese en coñecer os detalles da transformación da Boa Vila e o Concello aceptou o convite para trasladar a súa experiencia.
Así, a cidade escocesa de Glasgow organizará os días 9 e 10 de outubro a terceira edición da International Healthy Streets Summit, un cumio internacional de cidades saudables, que desexa contar con Pontevedra para que explique o seu traballo en expulsar aos coches do centro e facer unha urbe máis agradable para veciños e visitantes.
O evento reunirá a uns 300 expertos de todo o mundo para debater como facer cidades que sexan saudables, inclusivas e permitan a persoas de todas as idades e condicións moverse activamente por elas ou que medidas se poden adoptar para reducir o tráfico, mellorar a calidade do aire e lograr que máis xente escolla moverse andando ou en bicicleta.
Na carta de invitación, o goberno municipal de Glasgow explica que Pontevedra é unha das "boas prácticas" que, a nivel británico e internacional, estudaranse neste congreso.
Pola súa banda, Bruxelas acollerá do 18 ao 20 de outubro un foro sobre alternativas ao sistema de automóbiles en centros urbanos, titulado Movemento Urbano! Conectando resistencias e alternativas e que está organizado pola fundación alemá Rosa Luxemburgo.
A fundación decidiu reunir neste evento a activistas e grupos dunha gran cantidade de países europeos para que poidan aprender das experiencias urbanas de cada un deles e poder establecer unha rede de activismo urbano.
No caso concreto de Pontevedra, os organizadores queren que a súa transformación urbana sexa explicada no marco dun debate público con especialistas en urbanismo e mobilidade.
DOUS TRABALLOS UNIVERSITARIOS SOBRE PONTEVEDRA
Ademais, Pontevedra será obxecto de estudo en dous traballos universitarios. Un deles será a tese dunha estudante da London School of Economics que está a realizar o seu doutoramento sobre deseño urbano e ciencias sociais.
Entende que Pontevedra foi "pioneira" na expulsión dos coches do centro da cidade, actuación que centra a súa investigación, e en implementar un cambio urbano que permite crear unha urbe saudable. A autora virá a Pontevedra en xullo para documentarse.
Un estudante da facultade de Arquitectura da Universidade de Stuttgart (Alemaña) tamén está a realizar un estudo sobre a transformación urbana de Pontevedra, baseado especialmente na redución do tráfico rodado e a comparación da cidade actual coa que existía fai uns vinte anos.