Este venres inaugurábase no Pazo da Cultura o VII Congreso AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria), no que se trata a reactivación da Atención Primaria. Á cita acudían, entre outras autoridades, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
No seu discurso, o xerente incidiu en que "non hai abandono" da Atención Primaria e retomou a explicación da carencia de médicos de familia en toda España. Por este motivo, incidiu na aposta que desde a dirección da área sanitaria está a facerse pola Enfermería. "Está a dicirse que queremos substituír médicos por enfermeiros e non é así. Temos que entender que o sistema sanitario está sustentado por diferentes profesionais sanitarios e non sanitarios", afirmou sinalando ao público profesional de enfermería que asiste ao congreso: "queremos pedir máis cousas dentro das vosas competencias".
Flores insistiu na defensa da maior aposta por este colectivo: "fixádevos na transcendencia nos medios que tivo que formemos aos traballadores, parece que sorprende a nivel nacional, que apostemos pola enfermería e que esteades formados. Ninguén quere suplir as carencias do sistema con enfermeiros", sentenciou.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra comezou a súa intervención lembrando os seus anos como médico de familia explicando que pelexa porque a Atención Primaria sexa cada mellor. "Non sei se cada vez é mellor", apuntou. Explicou que existe un erro de planificación desde hai décadas ao non ter prevista a cobertura dos médicos que actualmente se xubilan nos centros de saúde. Expuxo tamén que non se están dotando investimentos suficientes en Atención Primaria. "Non podo entender que un paciente teña que esperar unha semana por unha consulta telefónica. Iso non é de recibo. Ou tomamos decisións drásticas ou seguirá deteriorándose", argumentou Fernández Lores.
O rexedor tamén se mostrou partidario de que se explote ao máximo a capacidade de enfefermería ao entender que é necesario porque "hai moitas cousas que poden facer e non se estaban facendo".
COMPETENCIAS DE ENFERMERÍA
A presidenta da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, Gemma Rodríguez, explicaba que a reivindicación principal é que os novos especialistas de enfermería que se forman en Galicia sexan situados en centros de saúde da comunidade autonóma. Considera necesario ese movemento porque se están perdendo profesionais que se marchan de Galicia ao ofertarlles noutros lugares mellores contratos.
"Necesitamos seguir avanzando en competencias de enfermeiras e aprender novos retos que se presentan ante a Atención Primaria, que está en crise", indica Gemma Rodríguez.
A presidenta de AGEFEC tamén foi moi clara sobre a polémica xerada en relación ás competencias que corresponden aos profesionais de enfermería especialista, unha titulación recente que conta con maiores atribucións e, por tanto, entende que son necesarios "mecanismos e ferramentas para aplicar as novas competencias".
Neste sentido, explicou que hai determinadas funcións que aínda non están a asumir como a prescrición enfermeira de medicamentos, a atención completa á familia, ou coidados ao paciente crónico para evitar que reagudice.
Recoñeceu que ante unha situación grave nun PAC son precisas máis mans, con outros profesionais, pero especificou que unha enfermeira pode facer fronte a determinadas situacións de emerxencia de maneira "cómoda" porque conta con outros recursos como o 061 e outros elementos materiais e humanos en caso dunha urxencia vital.
Engadiu que as consultas máis frecuentes nun Punto de Atención Continuada son molestias de costas, amigdalites ou infeccións de ouriños, que son procesos agudos banais "que unha enfermeira é capaz de atender e facer valoración do paciente" para despois trasladalo, vía telefónica, a un médico para que faga prescrición.
Tamén aclarou que non precisan un soporte xurídico especial para avaliar aos pacientes, xa que non poden prescribir porque, neste caso, o tratamento corresponde ao persoal facultativo. "Pero si é posible que o paciente salga da consulta co problema resolto", expuxo sen necesidade de que o médico se atope presente.