Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, xunto ao concelleiro de Desenvolvementeo Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, promoven a imaxe de Pontevedra na Feira Internacional de Turismo de Interior (Intur), que se celebra estes días en Valladolid.
Durante este evento preséntase a segunda parte do vídeo promocional da cidade que protagoniza Paco, un PTV que saca o chándal do armario coa intención de poñerse en forma ante as tentacións gastronómicas que ofrece Pontevedra.
Ademais, tamén se defende a posición de loita contra o cambio climático e de renaturalización dos espazos naturais e dos ríos. Durante a xornada do venres 18 explicaron en persoa os dous concelleiros da agrupación socialista as apostas de Pontevedra no recinto feiral da capital valisoletana.
"Somos unha potencia no terreo da gastronomía e non hai outro lugar, nin en España nin no resto do mundo, que conte con produtos do mar e do campo con tanto sabor e calidade", afirma Yoya Blanco que traslada esta mensaxe de potente atractivo turístico neste encontro referencial do turismo de proximidade con máis dun milleiro de destinos expostos.
A aposta de Pontevedra como modelo de cidade verde e azul, a través da estratexia Pontevedra Flúe, tamén conta con gran aceptación en Intur. Os proxectos financiados con fondos europeos permitirán restaurar a vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, renaturalizar un tramo do río dos Gafos e construír o primeiro parque de xogos de auga da cidade, entre outras actuacións.