Desde este mércores, e até o 27 de novembro, a gastronomía de Pontevedra degústase a bocados e a catro euros.
Regresou, tras un ano de parón, o certame Pontedetapas, que mostra as mellores creacións gastronómicas en pequeno formato da hostalaría pontevedresa.
Os amantes das tapas xa poden degustar as propostas de 29 establecementos. En total, haberá 39 posibilidades diferentes, 19 tapas tradicionais, dez tapas creativas e dez cócteles.
O prezo de todas as tapas fixouse en catro euros e cada cóctel custará seis euros.
Este mércores, no primeiro día do certame, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, percorreron algúns dos locais participantes.
Todas as persoas que se sumen durante dúas semanas á degustación poden votar pola mellor proposta. Haberá un único voto por tapa ou cóctel que se poderá depositar nas urnas de cada local, ou a través da app propia Pontedetapas.
A gañadora levará a Tapa Pontevedra e representará á cidade de Pontevedra no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco do sete grandes urbes galegas, e poderá presentar a súa creación na edición do próximo ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra.
Entre as persoas participantes, haberá en xogo dous premios de 500 euros para gastar nos locais participantes en Pontedetapas. Un deles será por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O outro premio sortearase entre os clientes que voten a través da app.
Un xurado profesional probará de incógnito as propostas e escollerá os premios do xurado á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel.
En colaboración con Fillos de Rivera, outorgarase un premio á mellor maridaxe con cana de Estrela Galicia.
Este 2024 volveuse a editar o Pasaporte Pontedetapas que garante un agasallo seguro consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso, para o dez primeiros consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na oficina municipal de Turismo antes do día 6 de decembro.