Vilaboa acollerá os días 12 e 13 de abril a cuarta edición da súa Festa do Mar, un evento que busca pór en valor o traballo da xente do mar e os produtos da ensenada, especialmente o mexillón, o choco e a ameixa.
A presentación tivo lugar este venres a bordo do barco bateeiro "Vidal Calvar" e contou coa presenza do alcalde, César Poza, a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, a patroa maior da Confraría, María del Carmen Cortegoso, e Ana Calvar, en representación das bateeiras.
Unha das novidades deste ano é o formato do evento, que se adapta ás dificultades que atravesa o sector e que complicaron a obtención do produto necesario.
Nesta ocasión, a oferta gastronómica correrá a cargo dos restaurantes A Garboa e Casa de Rosa da Mazaroca, que se trasladarán a unha carpa situada no recinto de San Adrián de Cobres para ofrecer as súas elaboracións en formato de tapas e pratos, a prezos alcanzables.
Ademais, haberá un posto de polbo de Iván, outro de ostras de Perico de Arcade, empanadas e doces da Panadaría Os Laranxos e bebidas do Bar Chancho.
As adegas Ardán e Os Areeiros tamén estarán presentes para presentar os seus viños, como adianto da Festa do Viño de maio.
A música será outro dos atractivos da celebración, coa participación das charangas Os Dinámicos, Os Encerellados e Os Jalácticos. O domingo, a carpa contará tamén con inchables para os máis pequenos.
Durante a presentación, tanto César Poza como Carmen Gallego reivindicaron un maior apoio das administracións ao sector do mar, un respaldo que, segundo o Concello de Vilaboa "xa mostra cada ano coa súa achega a semente de ameixa".