Gastronomía, cultura, música e tradición mariñeira para celebrar a Festa do Mar de Combarro

Poio
16 de agosto 2024

O Concello de Poio presentou este venres a programación completa da XXIII Festa do Mar, que regresa do 22 ao 25 de agosto con propostas para todos os públicos que inclúen gastronomía, tradición, cultura e música  

Presentación da XXIII Festa do Mar de Combarro
Presentación da XXIII Festa do Mar de Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio presentou este venres a programación completa da XXIII Festa do Mar, que regresa do 22 ao 25 de agosto con propostas para todos os públicos que inclúen gastronomía, tradición, cultura e música.

A programación organízase en tres bloques principais: o gastronómico, con degustacións de produtos do mar e música en vivo; o cultural, con exposicións sobre a cultura mariñeira, como maquetas de barcos e fotografías históricas; e as embarcacións tradicionais, que inclúen encontros e regatas durante a fin de semana.

"Queremos que a xente que se achegue eses días a Combarro respire mar e coñeza de primeira man a importancia que ten este sector, xunto co turismo, para o desenvolvemento socioeconómico do noso concello", sinalou o alcalde Ángel Moldes.

No caso de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, recordou que "Combarro é lugar de referencia do turismo galego, a combinación perfecta entre a apertura ao mar e a arquitectura popular e tradicional galega que máis nos marca como pobo. É tempo de lecer pero tamén de reafirmación da cultura propia", engadiu.

PROGRAMACIÓN DA FESTA DO MAR

As actividades para o público infantil, arrincarán o venres ás 19:30 horas co espectáculo 'Pomper, a festa das pompas', continuarán o sábado con 'María Faltri Picadiscos' e rematarán o domingo con 'Cirkompato', de Hell Brothers.

O certame de Música Mariñeira celebrarase do venres ao domingo pola tarde, coas actuacións de Adelaida, Chispa do Lérez, Vento Mareiro, Orfeón e Vides Novas.

Os concertos, pola súa banda, comezarán o xoves co musical 'Camiñantes e Cantantes' de La Ocaband, coas actuacións de Pili Pampín, Lucía Pérez e Pepo Suevos, ás 21.00 horas e, a partir das 23.00 horas, a actuación de Broken Peach. O venres 23 The Rapants poñerá o toque musical e o sábado será o turno de Bombai, DJ Michi e Soraya Arnelas. Bombai e DJ Michi comezarán ás 22.30 horas e, tras os fogos de artificio, continuará Soraya ás 00.30 horas. O último día da Festa do Mar será a quenda de Remember Queen, un dos mellores tributos do mundo á banda liderada por Freddie Mercury.

Durante a presentación do evento, Ángel Moldes e Valentín García estiveron acompañados dos edís de Eventos e Festexos e de Cultura, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, respectivamente, así como de representantes do Ateneo Corredoira de Combarro, Amecomra ou Club Mariño A Reiboa.