As degustacións de tés galegos na tetería da Deputación de Pontevedra e o showcooking 'Árbore da Veira, a adolescencia dun soño' de Luis Veira foron este domingo os momentos máis concurridos da feira Etiqueta Negra no Pazo da Cultura, pero, en xeral, todas as charlas, degustacións, catas e demostracións organizadas tiveron unha nutrida asistencia de público, con cheo en case todas elas.
A xornada, segunda do evento gastronómico este ano, pechou con bo sabor de boca a parte do evento centrada no público xeral e deixou xa todo preparado para que este luns chegue o turno da parte máis profesional do evento gastronómico. Iso si, segue aberto ao público xeral que queira acudir entre as 11.00 e as 20.30 horas.
Para este luns xa está confirmada a presenza de preto de 700 alumnos de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición ou cociña de toda Galicia, entre eles, Pontedeume, Vilamarín, Pobra do Caramiñal, Redondela, Cambados, Vigo, Ourense e o pontevedrés CIFP Carlos Oroza. Este centro será o encargado de abrir ás 11.30 horas a programación de actividades cun showcooking con degustación para 100 persoas.
Na gastroactividade, bautizada 'Produtos de etiqueta para un Orozamenú gourmet', utilizarán produtos dos expositores de Etiqueta Negra para elaborar un menú a base de polbo arousana, confitura de herbón e pesto Oroza; Lombo de porco celta, crema de queixos e confitura de caqui; e tarta de queixo con esferificacións de licor café e merengue de trompeta. Para acompañar, elaborarán cócteis Smoothies de grelos e marmelada de Sabugueiro e laranxa; Atardecer, elaborado con cervexa, sidra e zume da mazá; e Etiqueta Negra, elaborado con licor café, licor de chocolate, cervexa e canela.
O alumnado do obradoiro de emprego Hostalería do Salnés IX será o encargado da actividade prevista para as 12.30 horas. Cociñarán e servirán para 100 persoas tres elaboracións a base de produtos do Salnés: ovas de sepia con vinagreta evolucionada, hamburguesa de pinto con crema de grelos e lombo recheo de coello con crema de castañas e verduritas glaseadas, maridado co viño branco de Pepa A Loba.
A programación da tarde incluirá un showcooking ás 17.00 horas a cargo de Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña, e outro ás 19.00 horas da parella de cociñeiros Paco Chicón e Sergio Musso, do restaurante Eclectic. Neste último, o público asistente gozará vendo os procesos de elaboración de tres 'pratos migrantes': sardiñas, humus de fabas de Lourenzá e caviar de allada; pan de cerdo, verduras encurtidas e escuma de xenxibre; e As Catedrais, unha milfollas cunha base de empanada galega e grelo traballada ao estilo francés, buscando o crocante.
No Espazo Etiqueta realizaranse ao longo da xornada varias presentacións de produtos como os xeados artesanais de Bico de Xeado, a Lamprea Río Miño, da man de Angulas Río Miño ou a crema de queixo das Neves con chocolate branco e vainilla, xeado de requeixo das Neves, e xeado de requeixo das Neves e viño tinto de Rubiós, a cargo do asesor gastronómico Fran Sotelino (Bluemoon Gastro), Manuel Garea (asesor gastronómico de Dairylac), Brígida Hermida Ferro (Xearte) e Alejandro Martínez Rodríguez (presidente de Requeixo e mel das Neves).
A Zona de Catas acollerá as degustacións da bebida isotónica baseada en auga de mar da Costa da Morte Refix (11:30 horas), Casa da Avoa (12:15 horas), Conservas Sotavento (13:00 horas), Mirabel do Rosal – Alén do Val (13:45 horas), Terras da Mariña (14:30 horas), Anxemí (16:00 horas), Licores Berrimes (16:45 horas), Pennywaffle (17:30 horas), Cervexa Faxilda (18:15 horas) e Habelas Hailas (19:00 horas). Ademais, volverá a tetería da Deputación ás 12:00 e ás 18:00 horas, a cargo de Alicia Colmenar, sumiller de té de Orballo.