O Concello saca á luz unha iniciativa encamiñada a seguir posicionando a Pontevedra como unha referencia gastronómica no país.
O proxecto Gastro Lab dá o seu primeiro paso cunha presentación na que participou a divulgadora gastronómica Eva Ballarín, que se desenvolverá ao longo do 2022 e que nos primeiros meses do próximo ano abrirá o prazo de presentación de solicitudes.
Promovida pola concellería de Promoción Económica que dirixe Yoya Blanco, esta aceleradora de proxectos gastronómicos atópase agora nun momento de redacción das bases.
É un proceso no que participará a propia Ballarín, que durante a presentación do proxecto definiuno como "consistente" e mostrou o seu convencemento de que será todo un éxito porque "Pontevedra é un enclave estratéxico" e encomiou aos promotores do plan "un equipo forte que coñece un sector complexo e competitivo e que tamén coñece o territorio".
O obxectivo dos organizadores é aprobar as bases antes do 2 de xaneiro para dedicar os dous primeiros meses do ano para recibir as solicitudes dos interesados en formar parte desta aceleradora de proxectos gastronómicos.
A finais de marzo reunirase o xurado para analizar todas as propostas e seleccionar as seis propostas que pasarán a formar parte do Gastro Lab. Para facilitar este proceso de decisión, os finalistas serán citados un por un para presentar a súa idea durante 10 minutos diante dos membros do xurado.
A terceira fase do proceso desenvolverase entre abril e xuño e consistirá nunha serie de actividades formativas de carácter xeral que todo empresario hostaleiro debe coñecer. Trataranse asuntos como o márketing, a contabilidade, recursos humanos ou a responsabilidade social, entre outros asuntos. "O obxectivo é profesionalizar o sector", remarca Elena Vitoria, responsable da consultora Gastronómica Carta branca e unha das promotoras desta iniciativa.
Durante os meses de verán terá lugar o proceso de mentorización individualizada no que un experto en cada un dos campos das propostas seleccionadas acompañará ao emprendedor para terminar de dar forma ao seu negocio. E finalmente, emprendedor e mentor participarán o 14 de outubro nunha gran gala final na que se presentarán os seis proxectos e elixirase ao gañador.
A proposta vencedora sairá dos votos do xurado e tamén da cidadanía pontevedresa, que poderá votar pola súa proposta favorita a través da páxina de Capital Gastro. O vencedor levará como premio o financiamento do custo de posta en marcha do seu negocio, que será dun máximo de 18.000 euros.