A Garda Civil segue pistas "prometedoras" para dar co presunto asasino da muller de Baiona

Pontevedra
11 de novembro 2024

O tenente coronel Óscar Graña apuntou que "non temos constancia de que marchase a outra zona, aínda que se alertou a Portugal e á Policía Nacional en Vigo"

Minuto de silencio polo asasinato machista de Baiona
Minuto de silencio polo asasinato machista de Baiona / Mónica Patxot

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada asegurou que a Garda Civil segue pistas "prometedoras" para dar co presunto asasino da moza de 36 anos, Estela Blach Silva, que foi localizada morta nunha vivenda na zona das Ínsuas, na parroquia baionesa de Belesar, na madrugada do pasado venres.

O tenente coronel Óscar Graña, xefe interino da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, indicou que "de momento pensamos que está alí. Estamos a buscar na zona, intensificando a procura nesa zona. É coñecedor desa zona e pensamos que debe estar alí", remarcou.

As forzas e corpos de seguridade tratan de localizar a Humberto González Rodríguez, de 38 anos de idade. El é a exparella da vítima e fuxiu do lugar dos feitos despois de dicir aos sanitarios que el non se ía a "comer ese marrón".

O home tiña en vigor unha orde de afastamento, ditada polo Xulgado de violencia sobre a muller de Vigo o pasado 30 de abril, con prohibición de achegarse a menos de 200 metros da súa ex-parella.

O subdelegado do Goberno destacou o "esforzo" que está a facer a Garda Civil na procura deste sospeitoso e explicou que nos dispositivos tamén participan a Policía Nacional, a Local de Vigo e corpos portugueses.

"As pistas prometedoras parece que están aí", reiterou Abel Losada que quixo ser cauto nas súas declaracións para "non interferir en absoluto na investigación" polo que pediu "paciencia, especialmente aos medios, á hora de favorecer que a Garda Civil poida facer o traballo da maneira máis discreta posible".

"Estamos a buscar unha persoa que está fuxida e á que non convén darlle ningún input de como se está desenvolvendo o procedemento", dixo Losada.

O tenente coronel Óscar Graña apuntou que "nós estamos a establecer diferentes dispositivos de procura. Non temos constancia de que marchase a outra zona, aínda que se alertou a Portugal e á Policía Nacional en Vigo".

Abel Losada facendo declaracións aos medios
Abel Losada facendo declaracións aos mediosMónica Patxot

MINUTO SILENCIO

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu este luns un minuto de silencio como expresión de condena e repulsa polo asasinato machista desta muller o pasado venres en Baiona, unha vez a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou que se trataba dun caso de violencia machista.

A vítima é unha muller de 36 anos asasinada presuntamente pola súa ex-parella o pasado 8 de novembro. Existían denuncias previas por violencia de xénero contra o presunto agresor. A vítima tiña unha filla menor de idade.

Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, coa confirmación deste caso, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España ascende a 40 en 2024 e a 1.284 desde 2003, cando se empezaron a recompilar estes datos.

O número de menores orfos por violencia de xénero en España ascende a 30 en 2024 e a 463 desde 2013.

Nun comunicado, a ministra de Igualdade, Ana Redondo García, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, expresaron a súa máis absoluta condena e rexeitamento ante este "asasinato machista" e trasladan todo o seu apoio a familiares e amizades das vítimas. Tanto a ministra como a delegada piden "todos os esforzos" desde as institucións, administracións e o conxunto da sociedade "para chegar a tempo e evitar máis mortes".