A Garda Civil incautou en Bueu 45 quilos de polbo e outros 8 quilos de centola ovada sen documentación que ampare a mercadoría.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos tiveron lugar durante un servizo de seguridade cidadá, nun punto de verificación na PO-551, á altura de Bueu.
Os axentes da Benemérita deron o alto a un vehículo conducido por un veciño de Marín, de 38 anos.
Ante o evidente nerviosismo que mostraba o condutor os gardas decidiron proceder á súa identificación e ao rexistro do vehículo.
Foi entón cuendo no maleteiro do coche atoparon dous capazos, dos utilizados para o transporte de pesca, con 45 quilos de polbo e 8´60 de centola ovada.
O titular do vehículo carecía de calquera documentación que amparase esta mercadoría ou indicase a súa procedencia.
Por este motivo a Garda Civil informoulle que sería sancionado por unha infracción á lexislación sobre pesca. Ademais levantaron unha acta de aprehensión.
Os axentes solicitaron a presenza de Gardacostas de Galicia, que procederon á pesada e posterior sementa das centolas ovadas no mar.
Os 45 quilos de polbo foron entregados no comedor social de Marín.