A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra acolleu este mediodía os actos oficiais do Día do Pilar, patroa do corpo.
O evento, presidido polo subdelegado do Goberno, Abel Losada, contou coa presenza de destacadas autoridades como o tenente coronel Óscar Grañas, que está á fronte de maneira interina da Comandancia.
Tamén asistiron a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue; o alcalde de Poio, Ángel Moldes; o presidente da Audiencia de Pontevedra, Javier Menéndez Estébanez;, e o fiscal xefe de Pontevedra, Pablo Varela, ademais de numerosos axentes do corpo da Garda Civil e da Policía Nacional e familiares.
Entregáronse 18 condecoracións a axentes destacados. Entre elas, foi relevante a concesión dunha Cruz de Prata da Orde do Mérito do Corpo da Garda Civil a un axente pola súa destacada actuación na desarticulación dunha rede nacional de tráfico ilegal de armas e municións.
Tamén se entregou unha Cruz ao Mérito Naval con distintivo branco e 16 cruces da Orde do Mérito da Garda Civil con distintivo branco.
Realizouse un recoñecemento á Policía Local de Poio na figura do seu xefe Antonio Duarte pola colaboración coa Garda Civil e tamén unha mención honorífica a un axente de seguridade.
A continuación, na quenda de discursos, Abel Losada destacou que Pontevedra é "unha das provincias máis seguras dun dos países máis seguros do mundo".
Indicou baseándose en estatísticas, sinalou que a taxa de criminalidade provincial é de 30 delitos por cada mil habitantes, significativamente inferior á media nacional de 39, preto dun 25% menos, expresou Losada durante a intervención.
O subdelegado atribuíu este logro ao labor da Garda Civil e da Policía Nacional, subliñando a crecente demanda de máis efectivos en ambos corpos.
Losada fixo fincapé na modernización da Garda Civil, exemplificada na nova sede da Comandancia. Salientou a adaptación do corpo aos retos actuais, como a loita contra a ciberdelincuencia e a violencia de xénero, así como o seu papel na prevención do delito entre os máis novos.
Tamén destacou as recentes operacións contra o narcotráfico na comarca do Salnés.
Respecto ao cuartel da Garda Civil de Cambados, o subdelegado recoñeceu os problemas na súa construción, e comprometeuse a axilizar a súa finalización se é necesario cunha nova licitación, ao consideralo unha infraestrutura fundamental para a comarca.
Pola súa banda, o tenente coronel Óscar Grañas, que a finais de agosto asumiu o mando da Comandancia, resaltou os valores da Garda Civil e o seu compromiso coa cidadanía.
Grañas destacou os 111 anos de historia do corpo e o seu traballo diario en cada recuncho do territorio.
Ademais, lembrou ao seu antecesor, o coronel Simón Venzal, agora na reserva, quen estivo case cinco anos ao fronte da Comandancia.
Nun momento emotivo, Grañas fixo unha mención especial á última vítima de violencia de xénero na provincia, Fadoua Akkar, de 41 anos e veciña de Pontevedra, asasinada en Moaña.
Reafirmou o compromiso do corpo na loita contra este grave problema social.
Finalmente, o evento concluía co tradicional desfile polo paseo central das instalacións da comandancia coa presenza de dous cabalos montados por dúas axentes da Garda Civil.
GALERÍA DE FOTOS: