García Comesaña inaugurará a Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica en Montecelo coa presenza dun cento de especialistas

Pontevedra
12 de abril 2023

O conselleiro de Sanidade acudirá á inauguración este xoves 13 de abril ás 16.00 horas. Durante dous días van desenvolverse mesas redondas, conferencias e técnicas cirúrxicas en cirurxía minimamente invasiva analizando a situación actual con avances innovadores destes servizos

Cartel da XII Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica
Cartel da XII Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica

Profesionais médicos do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra participarán na XII Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica, que comeza este xoves no Hospital Montecelo.

Durante dous días analizaranse as técnicas cirúrxicas minimamente invasivas que se están aplicando na actualidade. Ao redor de cen especialistas en Cirurxía e outras especialidades procedentes da rede sanitaria pública do Servizo Galego de Saúde de Galicia e tamén de España e Portugal analizarán estes sistemas aplicados á patoloxía colorrectal.

Entre o xoves e o venres van desenvolverse mesas redondas, conferencias e técnicas en cirurxía, nun evento que se poderá seguir de maneira presencial e en liña para tratar retos asistenciais que se presentan utilizando laparoscopia e robótica.

A inauguración oficial celebrarase en Montecelo este xoves 13 de abril ás 16.00 horas coa presenza de Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade. Acompañaranlle no acto José Flores Arias, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ademais de Alberto Parajó Calvo, presidente do comité organizador da Xornada e xefe de servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario.

Ao longo do venres celebrarase un vídeoforum coa cirurxía robótica aplicada a diversas patoloxías, primando o enfoque práctico. A intención é que se analicen casos para mostrar co máximo realismo as técnicas cirúrxicas.