Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, mantiña este martes un encontro con alcaldes da comarca do Salnés, que mostraran a súa preocupación pola situación sanitaria actual debido á falta de facultativos nos Puntos de Atención Continuada (PAC) desta zona, como veñen denunciando os profesionais sanitarios durante as últimas semanas.
O máximo responsable da sanidade en Galicia indicou que os representantes municipais comprenderan esa ausencia de médicos por vacacións e imprevistos pero manifestou que comparte a inquedanza por esta situación.
Por este motivo, anunciou que desde a Consellería tentarán atender a estas demandas da poboación e tamén dos profesionais garantindo a presenza dun médico en cada un dos PAC. A eles sumarase un médico residente de medicina de familia (R4) nalgúns destes Puntos de Atención Continuada, tal e como se demandou por algún dos rexedores. Atoparanse, do mesmo xeito que sucede nos servizos de urxencias dos centros hospitalarios, baixo a supervisión e acompañamento do médico titular.
García Comesaña recoñeceu que continúa traballando na procura de facultativos e lembrou que a finais de setembro incorporaranse ao área sanitaria de Pontevedra-O Salnés once novos médicos dispoñibles na convocatoria de 106 que adquirirán praza en propiedade a través do concurso de méritos. Estes profesionais contarán con dous gardas, polo menos, ao mes nos PAC.
O conselleiro de Sanidade afirmou que manterá contacto cos alcaldes ao longo das próximas semanas e agradeceu o traballo da profesionais da área sanitaria e, en concreto, da comarca do Salnés.