Meis convértese nun dos primeiros concellos da provincia de Pontevedra en sumarse ao programa "La Administración Cerca de Ti", unha iniciativa do Goberno de España que busca achegar os servizos administrativos estatais ás localidades de menos de 8.000 habitantes.
A alcaldesa, Marta Giráldez, mostrou este luns o seu orgullo por formar parte desta primeira fase do proxecto, que permitirá á veciñanza realizar trámites sen necesidade de desprazarse.
Durante unha visita ao concello, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, explicou que persoal funcionario da Subdelegación acudirá periodicamente a Meis para prestar apoio na obtención do certificado dixital e no uso da aplicación "Mi Carpeta Ciudadana", que permite consultar todos os expedientes persoais relacionados coa Administración estatal.
"Estamos a traballar para facilitar a chegada de trámites administrativos a concellos dispersos e, en particular, ás persoas maiores, que adoitan ter maiores dificultades para o manexo das tecnoloxías", destacou Losada tras a xuntanza mantida coa alcaldesa e varias concelleiras do goberno municipal.
O programa tamén incluirá a visita de persoal da Tesourería da Seguridade Social, que facilitará o uso da aplicación "Importass", especialmente útil para traballadores autónomos ou para iniciar a solicitude do Ingreso Mínimo Vital.
Tamén o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) enviará persoal para a realización de diversos trámites. Nun futuro próximo está prevista tamén a chegada de servizos da Xefatura Provincial de Tráfico e do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
Pola súa banda, a alcaldesa destacou a aposta do Concello por ofrecer accións formativas sobre novas tecnoloxías "que sempre teñen moito interese" e agradeceu ao Goberno de España a posta en marcha desta iniciativa.

Durante o encontro, o subdelegado tamén avanzou que, a finais de 2025, serán 500 as vivendas do municipio que contarán con conexión a internet de alta velocidade grazas ao Plan ÚNICO-Banda Ancha. Esta nova convocatoria permitirá o enganche á fibra óptica de 87 vivendas máis en zonas illadas onde a iniciativa privada aínda non chegou.
Losada subliñou que tanto o programa "La Administración Cerca de Ti" como o Plan ÚNICO son fundamentais para garantir a igualdade de oportunidades no rural pontevedrés.