A candidatura cidadá Gañemos Cotobade deu o seu apoio ao proceso de fusión que comezaron os alcaldes de Cotobade e Cerdedo co obxectivo de "acadar unha administración máis forte que manteña e mellore os servizos públicos". O voceiro desta agrupación política, Manuel Suárez, trasladoulle o seu apoio ao alcalde cotobadés, Jorge Cubela, nunha reunión mantida este venres para abordar o asunto.
Manuel Suárez, que foi candidato desta formación nas eleccións municipais de maio de 2015, explicoulle a Cubela que el e moitos membros desta plataforma teñen analizado o proceso de fusión entre Cotobade e Cerdedo e chegaron á conclusión de que será moi positivo. "Díxome que ve demostrada a súa viabilidade e que é innegable que vai haber fortes incentivos económicos e un incremento de ingresos prolongado no tempo, o que favorece o noso futuro", manifestou Cubela
Cubela agredeceu a postura "responsable e a prol do futuro" de Manuel Suárez e de Gañemos Cotobade, pois "ao principio eran máis ben reticentes á fusión, pero, tras estudar detidamente o caso, agora están a favor". "Paréceme que son persoas responsables e abertas a estudar todas as opcións para o noso municipio, ao que aportan e ben seguro que aportarán moito máis no futuro", indicou o alcalde.
Gañemos Cotobade obtivo 135 votos nas eleccións municipais de maio, o 4.72% do total, pero non logrou representación. A pesar diso, Cubela destacou que conta cunha representatividade social de preto do 5%, é dicir, un de cada 20 veciños, polo que "o seu apoio ten a súa importancia".
A pesar da oposición da plataforma antifusión, do BNG e do PSOE, Cubela asegura que o proceso de fusión conta cun apoio moi maioritario no municipio e amósase satisfeito de que se sigan a gañar adeptos. Lembra que a viabilidade da unión foi reafirmada esta semana por un estudo elaborado pola firma Estudio Técnico Gallego.