O GALP Ría de Pontevedra presenta no Casal de Ferreirós as súas axudas para 2025

Poio
03 de marzo 2025

Son 1,5 millóns de euros de axudas, procedentes de fondos europeos e dirixidas a Pemes, autónomos e entidades sen ánimo de lucro con proxectos que contribúan ao desenvolvemento sostible da ría

Xornada informativa do GALP
Xornada informativa do GALP /

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra presentou en Poio a súa convocatoria de axudas para 2025.

Son máis de 1,5 millóns de euros, procedentes de fondos europeos e destinados a financiar iniciativas de Pemes, autónomos e entidades sen ánimo de lucro que contribúan ao desenvolvemento sostible da ría e dos seus concellos.

Foi nun encontro informativo no Casal de Ferreirós celebrado o pasado venres, no que máis de 20 persoas puideron coñecer en detalle as bases da convocatoria e recibiron asesoramento sobre como redactar e presentar os proxectos da man da xerente da entidade, Laura Nieto.

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e continuará ata o 21 de marzo.

Os proxectos que aspiren a recibir financiamento deben ter como obxectivo a creación de emprego e riqueza ao redor da costa, a posta en valor dos produtos da pesca e as actividades e comunidades pesqueiras, o fomento da economía azul ou o impulso do patrimonio vencellado ao mar.

Os interesados en presentar as súas iniciativas poden informarse a través do correo electrónico gacpontevedra@gmail.com, no teléfono 886 213 015 ou nas redes sociais do GALP Ría de Pontevedra.

A xornada contou tamén coa participación de representantes do goberno local, que agradeceron o papel do Galp nun concello como Poio, no que o mar "ten un lugar central na economía, na sociedade e na propia identidade".

Logo de recordar que en próximas datas esta entidade pasará a ter a súa sede permanente no municipio, destacaron a contribución da entidade a proxectos tanto do goberno municipal como de veciños e colectivos poienses nos últimos anos en ámbitos como o turismo, o desenvolvemento económico e o impulso da cultura mariñeira.

Finalmente, animaron ás persoas asistentes, "e a todo o que teña un proxecto ilusionante, beneficioso para Poio e que teña relación co noso mar", que non o dubiden e se poñan en contacto co GALP.