Vén de constituirse en Pontevedra a Plataforma Galega pola Paz coa presenza de BNG, CIG, Erguer, FRUGA, Galiza Nova, Anova e Mar de Lumes para esixir a fin da guerra na Ucraína.
Como primeiro acto público convocaron unha concentración o vindeiro domingo, día 20, ás 12 horas na Praza da Peregrina de Pontevedra.
A Plataforma Galiza pola Paz esixe a fin da guerra na Ucraína e a retirada das tropas rusas "denunciamos a morte, o sufrimento e a destrución que está a provocar o imperialismo de Putin con esta guerra", dixeron.
"Tamén queremos solidarizarnos cos pobos de Ucrania, Donetsk e Luganks que están pagando o prezo desta guerra en forma de vidas humanas e millóns de persoas exiliadas e refuxiadas".
Esta plataforma demanda "a volta de todas as partes ás vías diplomáticas como único xeito de rematar con este masacre. Todas as guerras rematan cun acordo diplomático e na Ucraína, en Donetsk e en Luganks non se pode agardar máis para voltar aos acordos de Minsk no marco da ONU e da OSCE".
Galiza pola Paz sinala que neste contexto de fonda crise económica, "vemos con moita preocupación as consecuencias económicas que esta guerra está tendo no pobo galego co empobrecemento de amplas capas sociais".
Por último, engaden que "non esquecemos que esta non é a única guerra provocada polo imperialismo no mundo actual e expresamos a nosa solidariedade con todos os pobos que as padecen".