Galigrain si ten na nave de La Cross medidas de extinción de incendios que faltaban en Pontesa

Pontevedra
14 de novembro 2022

O incendio declarado nas instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa segue activo unha semana despois. Xa non hai lapas, pero segue sendo necesario que os bombeiros de Pontevedra acudan de forma periódica para realizar tarefas para arrefriar e empapar a zona

A Policía Local nas instalacións da antiga fábrica de La Cross en Campañó
A Policía Local nas instalacións da antiga fábrica de La Cross en Campañó

O incendio declarado o pasado domingo nas instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa segue activo unha semana despois. Xa non hai lapas, pero segue sendo necesario que os bombeiros de Pontevedra acudan de forma periódica para realizar tarefas para arrefriar e empapar a zona e evitar, desta forma, que se reactive e volva haber lume.

Mentres toda a atención dos servizos de extinción segue centrada nesta nave da parroquia de Ponte Sampaio, o Concello de Pontevedra puxo tamén o seu interese na antiga fábrica de La Cross en Alba, onde o grupo Nogar, a través da súa filial Galigrain, ten unha actividade similar de almacenaxe de gran. Do mesmo xeito que Pontesa, esta instalación está autorizada pola Xunta de Galicia como lugar de almacenaxe de gran procedente do porto de Marín. 

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, indicou este luns que a inspección realizada polos servizos técnicos municipais o pasado venres nesa nave de Alba permitiu determinar que  nesa nave si había unhas medidas de prevención de incendios que non tiñan en Pontesa. 

A inspección realizouse pola "alarma social que se creou" ao ver gran almacenado e, a falta de que os servizos técnicos emitan o seu informe definitivo, verificouse que "si existían medidas mínimas de extinción de incendios e de seguridade".

Así, a inspección ocular permitiulles verificar que tiñan acceso a auga e hidrantes ao dispor dos bombeiros para o caso de que se produza un incendio. 

Eva Vilaverde considera que isto "o que vén confirmar é que a empresa sabía perfectamente que tiña que contar con estas medidas e que a nave de Pontesa non as tiña". Así, "corrobórase" que aí si hai medidas de seguridade que "non estaban postas ao dispor dos bombeiros cando chegaron á nave de Pontesa" e que "aquí si parece que existe". 

Desde a empresa Galigrain aseguraron a semana pasada, a través dun comunicado, que si contaban con todos os permisos e protocolos de seguridade e prevención de riscos laborais necesarios, incluídas medidas antiincendios, pero o Concello négao. 

En canto á nave de Pontesa,  Vilaverde explica que os bombeiros acoden "periodicamente" para "poder arrefriar e empapar" todo o material porque "segue en combustión". Segundo indica, "cada vez que soben as temperaturas ou o propio vento increméntase, o que fai é que se reactive e combustione máis ou mesmo pode acender". 

De momento, iso non pasou, non volveu a reactivarse o lume, pero si sae fume de forma permanente e a concelleira advirte de que "mentres a situación siga sendo a mesmo e nos e faga nada co material alí almacenado, a combustión segue sendo a mesma".

Os bombeiros arrefrían o máximo posible desde o exterior, pero no interior segue a combustión e "unha semana despois, segue habendo a mesma cantidade de gran almacenado". Segundo Vilaverde, a situación continuará "mentres a empresa non o quite". 

Arquivado en