Galicia vacinará os menores de 40 anos a partir de xullo

Pontevedra
09 de xuño 2021

Será, ademais, mediante un sistema mixto. Sanidade continuará citando por orde ás persoas ás que lles corresponda vacinarse por idade, pero compaxinará ao mesmo tempo este chamamento programado cun sistema voluntario

Vacinación de persoas entre 40 e 49 anos no Recinto Feiral
Vacinación de persoas entre 40 e 49 anos no Recinto Feiral / Mónica Patxot

O proceso de inmunización da poboación galega contra a covid-19 continúa avanzando. Despois de iniciarse esta semana a vacinación das persoas entre 40 e 49 anos, a Xunta de Galicia xa planificou o seguinte paso: a vacina para os menores de 40 anos.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este mércores que os menores de 40 anos comezarán a vacinarse no mes de xullo, unha vez finalice a inmunización dos maiores de 50 e dos maiores de 40.

Será, ademais, mediante un sistema mixto. Sanidade continuará citando por orde ás persoas ás que lles corresponda vacinarse por idade, pero compaxinará ao mesmo tempo este chamamento programado cun sistema voluntario.

Aqueles cidadáns que notifiquen o seu interese en ser vacinados poderán inscribirse nunha lista e, tras especificar os días nos que lles viría ben ser chamados, esperarán a que haxa un oco nas xornadas onde non se cubran todas as doses previstas.

SISTEMA DE REPESCA

Galicia poñerá en marcha un sistema de repesca para aquelas persoas que non fosen vacinadas cando lles correspondía, polo motivo que sexa, e cuxo segmento de idade xa fora inmunizada. Irase chamando a todos os pacientes empezando pola idade máis alta.

Sanidade prevé destinar un máximo de 20.000 dose da vacina cada semana para destinalos a este sistema de repesca, segundo explicou Núñez Feijóo.

O proceso de vacinación arrancará tamén nos próximos días nos centros penitenciarios.