Galicia 'saca peito' do plan que abordou as "tensións sanitarias" durante o verán

O Salnés
10 de setembro 2024

Ata o Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, trasladouse o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para participar nun acto de recoñecemento aos profesionais que integraron o plan de Sanidade para abordar as habituais "tensións sanitarias" do verán

Acto de recoñecemento ao persoal sanitario do plan de verán
Acto de recoñecemento ao persoal sanitario do plan de verán / David Cabezón / Xunta de Galicia

Ata o Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, trasladouse o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para participar nun acto de recoñecemento aos profesionais que integraron o plan de Sanidade para abordar as habituais "tensións sanitarias" do verán.

Non foi unha elección casual. Aínda que Rueda asegurou que "podiamos ter elixido calquera área de Galicia porque en todas se fixo un esforzo especial", explicou que O Salnés "representa especialmente o que supoñía a situación que enfrontábamos e como se solucionou".

"Esta é unha zona turística e no verán aumenta moitísimo a poboación. Foi un exemplo de como a atención sanitaria foi solventada con enorme profesionalidade", destacou o titular da Xunta, que estivo acompañado do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Na súa intervención o acto. Alfonso Rueda subliñou que o labor dos máis de 48.000 profesionais sanitarios contratados cada día durante este verán garantiron unha "asistencia de calidade" en todos os hospitais e centros de saúde.

"Grazas por facer da sanidade pública galega unha sanidade excelente", sinalou Rueda, que destacou especialmente aos catrocentos médicos que colaboraron co plan de reforzo da asistencia sanitaria despregado polo Servizo Galego de Saúde.

No verán marcado pola falta de médicos nalgunhas especialidades, segundo o presidente galego, a Xunta puxo en marcha un plan específico, dotado de 12,5 millóns de euros, para que a sanidade pública contratase en xullo e agosto 1.500 profesionais máis que o ano pasado.

Entre as medidas impulsadas, Alfonso Rueda destacou a creación dunha bolsa de médicos voluntarios para cubrir gardas nos PAC, un programa de apoio por parte dos facultativos do 061, traslados temporais a centros de saúde con maior demanda ou que os MIR no seu cuarto curso de formación axudasen a pasar consulta nos centros de atención primaria.

Este reforzo, sinalou Rueda, permitiu ademais incrementar a actividade habitual dos hospitais no verán, realizando 1.400 cirurxías programadas máis, aumentar as asistencias en urxencias ou manter o número de probas diagnósticas realizadas.