Galicia restrinxe a visita a hospitais e limita os grandes eventos ante a expansión do coronavirus

Pontevedra
10 de marzo 2020

Os casos confirmados de coronavirus en Galicia ascenden, a día de hoxe, a 27. Outros tres pacientes máis se atopan en estudo ante a sospeita de que poidan contraer a enfermidade. Así o trasladou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión da comisión de seguimento do coronavirus

Comisión de seguemento do coronavirus
Comisión de seguemento do coronavirus

Os casos confirmados de coronavirus en Galicia ascenden, a día de hoxe, a 27. Outros tres pacientes máis se atopan en estudo ante a sospeita de que poidan contraer a enfermidade.

Así o trasladou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia ante os medios tras a reunión da comisión de seguimento do coronavirus, da que forman parte os distintos departamentos do goberno galego.

Acompañado, entre outros, polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; e o subdirector xeral de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada; o Núñez Feijóo detallou as medidas que adoptará a Xunta ante a expansión do virus.

A este respecto, o presidente galego informou que durante o próximos quince días restrinxirase as visitas aos hospitais e ás residencias de anciáns de toda Galicia, que quedarán limitadas a unha por persoa ingresada ou interna nun destes centros. 

Ademais, a administración recomenda que, especialmente no caso de persoas maiores de 70 anos, non vaian visitar a amigos ou familiares que estean en hospitais e residencias e que, no canto de ir ao hospital ante calquera síntoma de enfermidade, opten por consultas telefónicas.

Estas medidas preventivas afectarán tamén aos visitadores médicos, que suspenderán a súa actividade ata novo aviso; e aos voluntarios que colaboran cos centros sanitarios, que tampouco poderán acceder ás instalacións hospitalarias.

Con respecto aos eventos, tanto ao aire libre como en recintos pechados, poderanse seguir celebrando polo momento, pero sempre que o seu aforo non supere as 1.000 persoas, segundo matizou Alberto Núñez Feijóo.

Por agora, a Xunta de Galicia non considera necesario suspender as clases nos centros educativos polo coronavirus

Por agora, a Xunta de Galicia non considera necesario suspender as clases nos centros educativos, aínda que analizará a evolución da epidemia para tomar as medidas "preventivas" que aconsellen os expertos.

Núñez Feijóo, a preguntas dos xornalistas, recoñeceu que tamén se "analizarán" medidas restritivas para as eleccións galegas do 5 de abril, tanto pensando na campaña electoral como no propio día de votación.

O plan da Xunta para tentar frear a expansión do coronavirus en Galicia súmase ás medidas xa aprobadas por outras administracións, entre elas a orde de que todos os eventos deportivos se celebren a porta pechada e sen presenza de público.

En todo caso, o presidente galego lembrou que Galicia está entre as comunidades españolas con menor incidencia do coronavirus, cunha cociente de contaxio de 0,99 por cada 100.000 habitantes, case catro veces menos que a media española.