A situación epidemiolóxica en Galicia é "estable", segundo as autoridades sanitarias. Certo é que, por agora, non se reflicten nos datos a incidencia que puideron ter as reunións familiares de Noiteboa e Nadal. Por iso, Sanidade continua apelando á "prudencia".
Esta estabilidade levou ao comité clínico a propoñer as mesmas normas para a cea de Noitevella ou as comidas de Ano Novo.
Galicia recomenda que estas reunións se celebren "exclusivamente" no ámbito de conviventes para "seguir mantendo" a actual tendencia da pandemia, segundo apuntou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Iso si, igual que ocorreu en Noiteboa, tamén se admitirá que se poidan reunir dúas unidades familiares, para o que haberá un máximo de dez comensais. No caso de que haxa máis de dúas unidades, o límite serán seis persoas. Os menores de dez anos non contarán.
"Non podemos recomendar outra cousa que non sexa a prudencia", asegurou García Comesaña, que engadiu que o máis "conveniente" é que os galegos traten de celebrar a Noitevella no ámbito máis limitado posible.
Os peches perimetrais que están en vigor en máis dunha trintena de concellos galegos, entre eles Pontevedra, Marín e Poio, poderán ser traspasados para encontros familiares, así como polas causas xustificadas xa previstas anteriormente.
Esta flexibilidade na mobilidade estará permitida desde as 00:00 horas do 30 de decembro ás 23:00 horas do día 1 de xaneiro. Antes desta hora límite, os que se desprazaron a outros municipios deberán estar de volta nos seus respectivos domicilios.
Ademais, Galicia ampliará o toque de queda ata as 01:30 o día de Noitevella para que todo o mundo regrese a casa despois de cear e haberá novidades con respecto á hostalería.
O doutor Sergio Vázquez, membro do comité clínico, apuntou que "entre todos" estabilizouse a incidencia da pandemia en Galicia, algo que achacou ás restricións, ao incremento "claro" da capacidade diagnóstica e á "maior responsabilidade" da poboación"
A pesar diso advertiu que haberá que "estar alerta e ser moi prudentes", polo que pediu que este Fin de Ano "ten que ser unha burbulla de conviventes" para que en 2021 "podamos celebrar a vida".
O comité clínico volverase a reunir o 4 de xaneiro para analizar a evolución da pandemia e aprobar medidas de cara o día de Reis.