Galicia reabre o lecer nocturno e permitirá o 100% do aforo nas terrazas de hostalería

Pontevedra
23 de xuño 2021

A Xunta manterá unha reunión co sector do lecer nocturno para fixar os criterios nos que se permitirá esta reapertura, especialmente no relativo ao horario de peche, pero o presidente avanzou que o aforo estará limitado ao 50% en interiores e do 100% en exteriores

Proba piloto para a reapertura do lecer nocturno na Pomada
Proba piloto para a reapertura do lecer nocturno na Pomada /

A partir do próximo 1 de xullo, Galicia permitirá a reapertura de todo o sector nocturno. O éxito da proba piloto realizada recentemente, segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, permitirá retomar esta actividade.

Con iso, segundo Núñez Feijóo, xa non quedará ningunha actividade restrinxida en Galicia.

A Xunta manterá unha reunión co sector para fixar os criterios nos que se permitirá esta reapertura, especialmente no relativo ao horario de peche, pero o presidente avanzou que o aforo estará limitado ao 50% en interiores e do 100% en exteriores.

O comité clínico propuxo ademais incrementar os aforos na práctica totalidade das actividades que tiñan algún tipo de restrición, entre elas a hostalería.

Así, a partir xa das 00:00 horas deste sábado 26 de xuño, os bares, cafeterías e restaurantes poderán ocupar o 100% do espazo que teñen nas súas terrazas, sempre que se manteña a distancia de 1,5 metros entre cada mesa.

No interior manterase a limitación do 50% pero, como novidade, permitirase que os clientes poidan pedir e ser servidos nas barras. Iso si, non poderán consumir nelas.

Ademais, reabriranse as áreas de lecer infantil en centros comerciais e aumentarase a un terzo a posibilidade de ocupar as prazas de pé no transporte público.

A Xunta autorizará, doutra banda, a ampliar o 75% do aforo en lugares de culto -aos enterros poderán acudir 50 persoas-, academias, ximnasios, museos, arquivos ou bibliotecas e permitirase o contacto físico en establecementos deportivos ou academias de danza.

Desde o 5 de xullo, por último, os empregados da administración autonómica que seguen teletraballando deberán reincorporarse aos seus postos de maneira presencial.