As principais zonas costeiras da Coruña e Pontevedra estarán mapeadas con drons e sistema de intelixencia artificial para obter información actualizada do crecemento e evolución da cría do mexillón.
Esta solución innovadora, que está a desenvolver un consorcio de empresas liderado por Telespazio Ibérica no Polo Aeroespacial de Galicia -situado en Castro de Rei (Lugo)-, probouse este mércores con éxito en Vilanova de Arousa.
O sistema, segundo os seus creadores, ten unha porcentaxe de eficacia de ata o 95% e conta cun algoritmo que permite identificar a mexilla cando esta alcanza un tamaño duns 2,5 centímetros.
O estudo desenvolveuse na primavera e no outono, os dous momentos clave na época de reprodución da mexilla, con voos a só 16 metros de altura durante a marea baixa e tomando imaxes cunha resolución de 0,2 centímetros por píxel.
Mediante vehículos non tripulados e intelixencia artificial identifícase a presenza de mexilla e, potencialmente, de percebe, así como doutras especies presentes no ecosistema, tras segmentar e zonificar a información recompilada.
A recollida de datos, que se realiza con sensores de alta resolución, proporciona un conxunto de ferramentas que cobren as fases de captura, catalogación, análise e explotación de datos relativos á evolución da semente de mexillón.
Así, entre outras cuestións, permite consultar a información recollida en función das características morfolóxicas do terreo, a orientación ou a pendente do litoral; ou saber en que sobre as zonas onde hai presenza sensible e predominante de mexilla.
A través dunha aplicación móbil, o sector mexilloeiro poderá consultar os datos obtidos, que determinan a cantidade de mexilla e permiten optimizar a súa recollida, evitando ademais coincidir coa recolección doutras especies.
Desa forma, os miticultores poderán coñecer cal é o mellor momento para recoller a cría do bivalvo e trasladala posteriormente ás bateas para o seu desenvolvemento.
Este proxecto, adxudicado por un importe de 500.000 euros, está a ser desenvolvido pola compañía Telespazio Ibérica, nun consorcio no que tamén participan as empresas galegas Aeromedia e Bahía Software, o centro tecnolóxico Gradiant e o Instituto de Investigacións Mariñas IIM-CSIC, con sede en Vigo.
O sistema, segundo o conselleiro delegado de Telespazio Ibérica, Carlos Fernández de la Peña, busca "facer máis competitivo" o sector mexilloeiro, nun contexto no que o cambio climático e o aumento da temperatura da auga están a afectar ao crecemento e a produción da semente do mexillón, "cada vez máis escasa".