Fíxose de rogar ata pasadas as once e media da noite, pero a súa cara non podía ocultar a súa felicidade. Un pletórico Alberto Núñez Feijóo, tras lograr a súa terceira maioría absoluta consecutiva, asegurou que nestas eleccións autonómicas do 25-S os galegos falaron con "moita claridade" e con "sentidiño".
Arroupado pola súa nai, a súa parella -nai do seu futuro fillo- e da súa irmá, Núñez Feijóo agradeceu o apoio maioritario dos galegos e avanzou que traballará para "estar á altura" da confianza depositada.
EN GALICIA SI. Gracias. ANF pic.twitter.com/etuYYgKgPL
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) 25 de septiembre de 2016
"Hoxe faláchedes vós, desde as cidades e aldeas fálachedes libremente, desde a ilusión e a esperanza, desde as preocupacións dixéchedes que si, que en Galicia si", dixo ante numerosos militantes e simpatizantes do partido.
En todo caso, o líder do PPdeG reiterou que "non gañei nada só ", senón que foi un triunfo compartido con todo o partido. Ademais, celebrou o feito de que en Galicia non vaia a haber "bloqueos, líñas vermellas, vetos nin parálise", despois de que os galegos falasen "con claridade e contundencia".
"Por fin hai unha excepción de unidade, de estabilidade e de responsabilidade en España", explicou o reelixido presidente da Xunta, que avanzou que grazas a este resultado electoral "Galicia non vai parar", senón que "seguirá avanzando desde o primeiro minuto".
Durante a súa comparecencia, Feijóo aproveitou tamén para reiterar que o seu "presente" é seguir servindo a Galicia como o seu presidente e que este é a "maior honra" que pode ter un galego que se dedica á política, polo que ratificou que así o fará ata 2020.
OUTRAS REACCIÓNS
Pola súa banda, o candidato de En Marea, Luís Villares, destacou que este 25 de setembro iníciase " o camiño" para derrotar ao PP nas próximas autonómicas.
O xuíz en excedencia sinalou, acompañado de Xosé Manuel Beiras, e os alcaldes Martiño Noriega (Santiago) e Xulio Ferreiro (A Coruña), que En Marea cumpriu dous dos obxectivos que se marcaron para o 25-S: converterse en "alternativa" para poder "articular" os "desexos" da cidadanía e que "todo o mundo volvese a votar con ilusión e con "un sorriso" porque "agora si" se senten "representados" por unha formación política.
Menos positivo foi o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga que fixo un chamamento ao seu partido para "corrixir erros" e facer "autocrítica" ante o mal resultado electoral coa perda de catro deputados, algo que non lle deixa nin "satisfeito" nin "contento".
"Seguramente non fomos capaces de explicarlle os galegos a nosa alternativa e que se nos visualizase como alternativa. E iso dificulta que o cambio se produza en Galicia", explicou o candidato socialista.
Como un "punto de inflexión" ven no BNG os resultados electorais. A súa candidata, Ana Pontón, avanzou que este "tempo novo" servirá para que exista no Parlamento galego unha voz "clara, firme e contundente" na defensa dos intereses do pobo galego e que "non defraudará" a confianza depositada nela.
Con todo, recoñeceu que non son os resultados que esperaban os nacionalistas, ao revalidar o PP a súa maioría absoluta, polo que "ao final non foi posible" un cambio político en Galicia. A pesar diso, dixo, "a lectura non debe ser a desazón nin a desesperanza" senón traballar para formar unha alternativa "máis sólida e solvente".
A que se quedou fóra do Parlamento, a candidata de Ciudadanos, Cristina Losada, recoñeceu estar "decepcionada", pero achacou esta circunstancia á "inxusta" lei electoral. O partido, dixo, traballará en todo caso para entrar na cámara dentro de catro anos.