Galicia insiste en actuar sobre os pellets no mar e o Goberno veo "prácticamente imposible"

Pontevedra
12 de xaneiro 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou este venres que os primeiros medios aéreos e marítimos despregados en Galicia para combater a marea plástica conclúen que é "practicamente imposible" localizar os pellets no mar

Recollida de pellets nunha praia galega
Recollida de pellets nunha praia galega / EFE / Kiko Delgado

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou este venres que os primeiros medios aéreos e marítimos despregados en Galicia para combater a marea plástica conclúen que é "practicamente imposible" localizar os pellets no mar.

En Pontevedra, onde acudiu á toma de posesión de Abel Losada como subdelegado do Goberno, Blanco explicou que tras acordar coa Xunta de Galicia a "posta en común" de esforzos e medios para recoller o material que está a chegar ás costas galegas "hoxe saíu un avión de salvamento e un dos barcos".

"Confirman que é moi difícil ou practicamente imposible localizar ese material ou os sacos no mar", sinalou o delegado, que indicou que estes medios saíron esta mañá ante a "posibilidade" de que houbese restos de pellets flotando nas augas galegas.

Nas próximas horas, combinaranse os plans de voo dos medios que achega o Goberno cos que ten a propia Xunta de Galicia para seguir tratando de localizar este material.

Pedro Blanco subliñou que o Goberno ofertou tamén formar ao persoal que está a traballar a pé de praia, coordinado polo executivo galego, e a "posibilidade" de que efectivos en terra axuden á recollida e limpeza das praias.

O delegado sostivo que é nos areais "onde parece que é máis óptimo facer ese traballo", pero desde a Xunta "dixéronnos que non o necesitan" e que co persoal que xa ten despregado pola costa galega "teñen suficiente".

A pesar diso, Blanco insistiu en que "estamos a disposición" da Xunta para reforzar cos efectivos "que sexan necesarios" nas praias para recoller todos os pellets que poidan ir chegando, polo que "estamos á espera de que nos digan se necesitan algo máis".

"O traballo que temos que afrontar fundamentalmente é o da recollida do material contaminante", insistiu o delegado do Goberno, aproveitando as mareas baixas "que é cando o material queda depositado nas praias e se pode recoller".

É aí, reiterou, "onde temos que traballar", descartando por agora enviar un robot submarino ao lugar da desaparición dos contedores cos pellets porque "non traballamos con hipóteses e teorías". 

Pero, pola contra, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, responsabilizou ao Goberno da marea de pellets por non "evitar" a súa chegada ás costas cunha "actuación rápida" o 8 de decembro, e insistiu en que se recollan no mar, dentro da súa competencia.

"Unha actuación rápida o día 8 podería evitar que os pellets chegasen ás nosas praias ou polo menos reducir a cantidade"" asegurou Vázquez, en referencia á data na que Portugal comunicou a España a perda de contedores do buque Toconao.

Sinalou a este respecto que aínda un 90% dos sacos de pellets seguen no mar.

Dous deles foron recuperados nas últimas horas, un nun polígono bateeiro do Grove, polo que reiterou que "é moi importante rescatar os sacos que poidan estar a flotar pois aínda os hai cheos e hai que evitar que rompan e se espallen os pellets por todo o litoral.

Ademais, a conselleira reclamou tamén a actuación de persoal en terra, no prazo de antes de 12 horas comprometido por parte do Goberno, ante a previsión de "mar revolto nas próximas horas", que pode chegar a activar a alerta amarela.

Vázquez informou de que a Xunta ten a unhas 300 persoas traballando en 55 praias de 32 municipios e anunciou que vai constituír un comité de expertos para vixiar os efectos dos pellets a longo prazo, aínda que reiterou que "non hai problema de ecotoxicidad".

Arquivado en