Galicia en Común defende en Sanxenxo que o Servizo de Axuda no Fogar debe ser público

Sanxenxo
02 de xullo 2020

A candidata Eva  Solla mantivo un encontro con integrantes da plataforma de traballadoras deste colectivo que lamentan a falta de medidas de seguridade durante a pandemia e a precariedade do seu traballo

Reunión dos integrantes da candidatura de Galicia en Común - Anova Mareas con traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar
Reunión dos integrantes da candidatura de Galicia en Común - Anova Mareas con traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar / Galicia en Común - Anova Mareas

A candidata da coalición Galicia en Común - Anova Mareas, Eva Solla, mantivo este xoves un encontro en Sanxenxo con integrantes da plataforma do Servizo de Axuda no Fogar para escoitar as súas reivindicacións de primeira man e denunciar que durante os momentos máis duros da pandemia tiveron que seguir realizando o seu traballo sen os adecuados equipos de protección.

Neste sentido, Solla trasladou ao colectivo o apoio ás demandas das traballadoras e aproveitou para criticar a decisión do Concello de Sanxenxo que planea a privatización do servizo "como xa aconteceu na meirande parte dos concellos do país, abrindo as portas a empresas coma Clece ou Eulen, que precarizarían aínda máis as condicións do persoal", lamenta Solla.

“A Xunta de Galicia ten que facerse cargo dás súas obrigas tal e como figura na Lei de Dependencia. A xestión depende dos concellos, mais a organización, a coordinación, os protocolos e os criterios de protección das persoas ususarias e as traballadoras depende da Xunta”, abundou a líder da formación.

Ademais de tratarse dun sector "feminizado e absolutamente precarizado", como sinalou a número dous pola candidatura da provincia de Pontevedra, Iria Figueroa, denuncian que ademais "non hai persoal suficiente e en moitas ocasións teñen que asumir máis tarefas das que lles corresponden, cunha gran sobrecarga de traballo e sobreesforzos".

O número tres da candidatura, Marcos Cal, pronunciouse tamén en termos similares. "É necesario implantar protocolos unificados para todos os Concellos así como medidas de inspección e organización por parte da Xunta cos concellos, garantindo así as condicións de seguridade neste servizo", concluíu.