Galicia é a comunidade que ten o maior ratio de escolarización por poboación 0 a 3 anos de toda a España

Pontevedra
09 de setembro 2024

O director xeral de Familia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou este luns a Escola Infantil O Toxo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e do concelleiro de educación, Demetrio Gómez que comprobaron o resultados das obras acometidas no pasado mes de agosto consistentes na renovación dos chans de varias aulas

Visita á Escola Infantil O Toxo
Visita á Escola Infantil O Toxo / PontevedraViva

O director xeral de Familia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou este luns a Escola Infantil O Toxo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e do concelleiro de educación, Demetrio Gómez que comprobaron o resultados das obras acometidas no pasado mes de agosto consistentes na renovación dos chans de varias aulas.

O investimento global da Xunta de Galicia este verán en toda a rede de escolas infantís foi de, aproximadamente, tres millóns de euros.

O pasado venres comezou o curso nesta etapa e estes primeiros días están a ser de adaptación progresiva para os nenos que acoden ás escolas infantís e tamén para as súas familias.

Nos últimos anos está a vivirse un repunte no acceso ás escolas infantís de 0 a 3 anos. 

Segundo explicou Jacobo Rey isto débese fundamentalmente a dous factores: por unha banda á implantación do programa de gratuidade que comezou no ano 2020 e que no ano 2022 xeneralizouse "iso provocou que as familias que non tiñan capacidade para poder levar aos seus fillos a unha escola infantil agora si que poden, o que fixo aumentar os índices de escolarización". 

Neste momento, Galicia é a Comunidade Autónoma que ten o maior ratio de escolarización por poboación 0 a 3 anos de toda a España, "iso é un dato obviamente moi positivo", valorou. 

E doutra banda, súmase a recuperación económica experimentada nos últimos anos cunha mellora moi significativa dos datos de emprego, "o que provocou que en moitas familias, os dous proxenitores, volven traballar e iso conleva maiores necesidades de conciliación". 

"Esa demanda aumentou porque as familias tamén necesitan máis ese recurso", apuntou o director xeral de Familia e Dinamización Demográfica. 

En Galicia tanto o consorcio de titularidade municipal, as escolas de iniciativa social, as escolas privadas, toda esta rede é gratuíta para as familias. 

En toda Galicia hai máis de 32.000 prazas de escolas infantís de 0 a 3 anos, máis da metade son de titularidade pública. "Con todo, o importante para as familias é que a gratuidade afecta ao conxunto de prazas", insistiu Jacobo Rey. 

"Galicia é do conxunto de España unha das comunidades na que o pulo da titularidade pública é maior. Temos unha ratio de escolarización en escolas públicas maior que a media precisamente pola existencia de recursos como as escolas infantís da Galiña Azul ou estas escolas da Xunta de Galicia como O Toxo, como Campolongo ou como a Escola do complexo administrativo de Campolongo que dá servizo especialmente ás empregadas e empregados públicos da Xunta", concluíu o director xeral.