O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este mércores en Pontevedra da decisión do comité clínico de ampliar os aforos en distintos espazos e ámbitos da vida cotiá, concretamente nos eventos culturais ou actos sociais que teñan o público sentado.
O anuncio prodúcese logo de que o comité de expertos avaliase a evolución epidemiolóxica dos concellos galegos nas últimas datas. Así, o titular de Sanidade apuntou que a incidencia acumulada "segue a baixar dun xeito rápido", mais remarcou a necesidade de seguir a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias establecidas.
Como regra xeral, Galicia establecerá un aforo do 75% da capacidade máxima dos recintos nos que se celebren eventos culturais. No caso dos concellos que estean no nivel máximo de restricións, o límite será do 50%.
Ademais non haberá límite de persoas, alén do que marque a distancia interpersoal de 1,5 metros.
Iso si, nos concertos ao aire libre que teñan o público de pé establecerase un máximo de 5.000 persoas, repartidas en parcelas e agrupadas en 500 persoas, sen que a ocupación dos devanditos espazos poida exceder o 33% da súa capacidade
A maiores, as actividades deportivas, que ata o de agora estaban restrinxidas a grupos máximos de seis persoas, amplíanse ata unidades de dez integrantes, o mesmo límite que se establecerá a partir de agora para as actividades que se desenvolvan en centros cívicos e sociais.
Estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do sábado 25 de setembro.
Con respecto ao lecer nocturno, segundo García Comesaña, o borrador do novo protocolo remitirase mañá ao sector, pero avanzou que o "núcleo fundamental" será similar ao da hostalería aínda que se "insistirá" na ventilación dos locais e o uso de máscara.
Tras o aval do Tribunal Supremo, o comité clínico está en "fase de discusión", sinalou o titular de Sanidade, para que o certificado covid se poida esixir en "actividades concretas", entre as que citou o lecer nocturno ou as visitas a residencias de maiores e hospitais.
Sobre o proceso de vacinación, García Comesaña subliñou que "Galicia volve a estar á cabeza da vacinación en España", tanto na administración de primeira doses, como na porcentaxe de poboación con pauta completa.
Neste senso, salientou que, desde o pasado 27 de decembro, Galicia leva administradas 4.336.936 doses. Así, a Xunta xa leva administradas 2.427 terceiras doses a persoas usuarias dos centros sociosanitarios galegos, e a persoas encadradas no grupo 7 -persoas con condición de alto risco covid- da estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade.
Por último, o responsable de Sanidade informou tamén do peche dos diferentes recintos de vacinación masiva que se habilitaron para levar a cabo, coa maior celeridade posible, a vacinación da poboación galega. Serán susbtituídos por lugares máis pequenos, previsiblemente centros sanitarios.