Toda Galicia estará, desde o venres, nos dous niveis máis altos de protección do protocolo contra a pandemia. O imparable aumento dos contaxios obrigou ás autoridades sanitarias a impoñer as restricións máis duras desde o confinamento.
A recomendación básica é " autoconfinarse" e a partir de agora só saír á rúa para tarefas esenciais: acudir ao médico, ao colexio, ao traballo -apostando polo teletraballo sempre que sexa posible-, ao coidado de menores e maiores e á compra dos produtos básicos.
O obxectivo, previsiblemente ata mediados de febreiro, é que os galegos reduzamos as nosas interaccións sociais ao mínimo. Son nestes encontros, entre familiares e amigos, onde se están rexistrando a práctica totalidade dos brotes detectados desde Nadal.
En liñas xerais, desde este venres non se poderán reunir máis de catro persoas, nin en espazos públicos nin privados, salvo que sexan conviventes. O toque de queda adiántase ás dez da noite e os comercios terán que pechar ás 21:30 horas.
Bares e restaurantes poderán abrir ata as seis da tarde, cun aforo restrinxido ao 50% nas súas terrazas e ao 30% no interior. Neste último caso se se trata de municipios que, como Pontevedra, están situados no nivel medio-alto do baremo establecido por Sanidade.
A partir das 18 horas, a actividade da hostalería e restauración non estará permitida, e iso significa que tampouco se deben, a partir desa hora, reunir non conviventes nos domicilios.
Nas actividades deportivas non federadas os grupos non poderán superar as catro persoas e en cinemas, teatros e auditorios o público deberá estar sentado sen superar as 250 persoas en espazos pechados e as 500 ao aire libre. Os lugares de culto terán un aforo limitado ao 30%.
Con respecto á mobilidade, todos os concellos que se atopan neste nivel medio-alto non se pecharán, salvo as tres cidades que están nel: Lugo, Pontevedra e Vigo, onde estarán restrinxidas as saídas e entradas salvo por causas xustificadas.
63 CONCELLOS PECHADOS
Ademais destes tres, outros 60 municipios galegos estarán pechados de maneira perimetral ao situarse no nivel de máxima restrición. No caso da área sanitaria de Pontevedra son sete: Poio, Bueu, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Caldas de Reis e Cuntis.
Neles, xunto coas limitacións vixentes para toda Galicia, a hostalería só poderá atender aos seus clientes en terraza e ata as seis da tarde.