A Asociación Galicia Ambiental vén de levar ante os tribunais á empresa Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, por infracción ambiental grave, derivada da "inacción e incumprimento de obrigacións lexislativas en materia de control de especies invasoras".
A Herba da Pampa (Cortaderia selloana) é unha das especies exóticas invasoras que máis se estendeu polo territorio galego nos últimos anos debido á rápida dispersión da súa semente e a falta de medidas preventivas para evitalo.
Esta "invasión xeneralizada" do plumacho foi paralela á creación de grandes infraestruturas como polígonos industriais, novas autovías e rede de alta velocidade.
Como "primeiro factor de extensión da semente" esta ONG sinala á "falta de cumprimento de medidas preventivas", por parte da concesionaria da autoestrada á que estaría obrigada tras a aprobación do Catálogo Español de Especies Invasoras.
A Asociación Galicia Ambiental analiza agora cos técnicos e xuristas asociados a presentación de novas accións administrativas ou xudiciais contra empresas e incluso institucións que xestionan outras vías de alta capacidade galega, "por actuar de forma análoga e irresponsable á dos xestores da AP-9", ás que reclamará "accións inmediatas para poñer coto á expansión das especies invasoras" que, segundo indica, afecta de maneira importante na zona de Arousa.
Anteriormente esta asociación puxo en marcha unha campaña informativa para evitar a perigosa moda dalgúns peregrinos de levar nas súas mochilas o plumero da Pampa. Moitos camiñantes úsana de adorno sen coñecer os riscos que conleva.
Galicia Ambiental defínese como un "punto de encontro e defensa dos intereses dos profesionais do sector medioambiental" e forma parte do consorcio de institucións e organizacións que desenvolven o Proxecto LIFE Coop Cortaderia, que abarca varias rexións e comunidades autónomas atlánticas de España, Portugal e suroeste de Francia, para o control da invasora Herba da Pampa.