Desde este sábado, Galicia activa a aplicación PassCOVID. Trátase dunha ferramenta para dispositivos móbiles que busca facilitar a colaboración cidadá na resposta á crise sanitaria da covid-19 e alertar de posibles incidencias.
Conectada directamente co Servizo Galego de Saúde, está xa dispoñible para os dispositivos con sistema operativo iOS e en proceso de publicación para os móbiles Android, coa previsión de que estea accesible para a súa descarga a principios de semana.
De descarga voluntaria, a aplicación pode empregala calquera persoa que se atope en Galicia, sexa residente ou turista. Ofrecerá unha canle de contacto telemático cos cidadáns.
Así, ao labor de rastrexo automatizado que realiza a app estatal RadarCOVID, PassCOVID suma ofrecer información actualizada da situación da pandemia, facilitar a comunicación de contactos estreitos se se confirma un positivo ou recibir alertas de establecementos nos que se rexistren unha concentración de contagios.
As persoas que descarguen PassCOVID poderán optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave 365, ou facelo de maneira anónima. En función desta elección, recibirán información máis ou menos personalizada.
Calquera usuario da aplicación terá acceso a información sobre a situación da pandemia en toda a comunidade e poderá seleccionar o concello do seu interese para estar ao tanto das restricións ou medidas que se adopten nese municipio.
Ademais, todos os usuarios recibirán alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da covid-19.
A persoa que se identifique empregando a Chave 365 recibirá información sobre se foi identificado como contacto estreito ou diagnosticado da covid-19. Neste caso, poderá informar a través da app dos contactos estreitos ao Centro de Seguimento de Contactos.
PassCOVID facilita tamén o acceso ás ferramentas do Sergas para o seguimento da enfermidade en pacientes en domicilio, dos contactos estreitos así como ao rexistro de viaxeiros para aquelas persoas que chegan a Galicia desde unha zona de alta incidencia do virus.
Para a xestión temperá de posibles contactos en establecementos, a app permitirá ao usuario rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos nos que estivese.
No caso de que a autoridade sanitaria determine que nun establecemento concentrouse un número de contaxios relevante nunha data ou datas concretas, poderá enviar un aviso á PassCOVID. Se un usuario da app estivo nese local e rexistrouno debidamente, recibirá un aviso da situación e as instrucións adecuadas.
Ademais, se a persoa é diagnosticada de covid-19 poderá compartir co Servizo Galego de Saúde a súa listaxe de establecementos e así colaborar coa xestión da pandemia.