Estes son os galardoados nos I Premios Boas Prácticas en Igualdade

Pontevedra
31 de outubro 2024
Actualizado: 21 de novembro

Están dotados con 16.000 euros, 4.000 por cada unha das catro modalidades, entregaranse nun acto que se celebrará no Pazo provincial no que tamén se outorgarán distincións honoríficas

Cartel dos Premios Boas Prácticas en Igualdade
Cartel dos Premios Boas Prácticas en Igualdade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, deu a coñecer este venres as entidades gañadoras dos primeiros premios de Boas Prácticas en Igualdade que se entregarán nun acto que terá lugar o xoves 21 de novembro, ás 19:00 horas, no Pazo provincial.

Luís López indicou que estes galardóns recoñecerán o labor de entidades de Vigo, Cangas, Moaña, Poio, A Cañiza, Bueu e A Lama que realizan ou realizaron actividades e prácticas eficaces relevantes para conseguir a igualdade real. Unha inciativa, dixo, que "responde ao noso firme compromiso coa igualdade".

Na modalidade de boas prácticas en materia de igualdade en entidades de iniciativa social, o primeiro premio recae na Asociación Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo e a Asociación de diagnosticadas de Cancro de Mama recibirá un accésit.

Na modalidade de iniciativa cultural en materia de igualdade, o premio vai para a Asociación Cultural entre Bambalinas de Moaña.

Na modalidade de iniciativa deportiva en materia de igualdade, o primeiro premio é para o Club Poio Fútbol sala e o Club Balonmán A Cañiza recibe un accésit.

Por último, na modalidade de iniciativa educativa en materia de igualdade o primeiro premio é para o IES Illa de Ons e o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela recibe un accésit.

Cada unha destas catro modalidades está dotada con 4.000 euros, 3.000 para os premios e 1.000 para os accésits.

Ademais destes galardóns, o 21 de novembro tamén se fará entrega das distincións honoríficas ao Centro de Información á Muller do Concello da Guarda, polo seu programa de intervención psicosocial con mulleres vítimas da violencia de xénero ou situacións familiares conflitivas. E, a título póstumo, Carmen Lago Fernández, cofundadora da entidade de iniciativa social Faraxa pola abolición da prostitución, pola súa loita contra a prostitución e a trata de mulleres na provincia de Pontevedra.

En total recibíronse preto de 60 candidaturas para as catro modalidades de premios, o que demostra "que temos unha provincia moi comprometida coa igualdade", asegurou o presidente provincial.