O futuro Pazo de Lourizán, un equilibrio entre natureza e arquitectura co xardín como fío condutor

Pontevedra
06 de novembro 2024
Actualizado: 16:00

A UTE Pinós-Enrich, gañadora do concurso de ideas, é autora de obras como a ampliación do Mercado da Boquería (Barcelona) ou da rehabilitación do Hotel-Spa Son Brull (Mallorca)

Proposta da UTE Pinós-Enrich para o Pazo de Lourizán
Proposta da UTE Pinós-Enrich para o Pazo de Lourizán / Xunta de Galicia

Dous estudos de arquitectura de Cataluña, liderados por Carme Pinós e Carles Enrich, serán os que redacten o proxecto básico e de execución para a rehabilitación do Pazo de Lourizán. Farano baixo unha proposta denominada Xard1n 2.0.

Así o decidiron por unanimidade os membros do xurado do concurso de ideas promovido pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industria Forestal, para a recuperación deste espazo, no que se investirán máis de 17 millóns de euros.

A proposta do equipo gañador obtivo unha puntuación de 90 sobre 100 e céntrase nunha idea do xardín como o fío narrador arredor do cal vertebrar o proxecto.

Isto, manifestaron os membros do xurado, é unha idea que forma parte da esencia da Finca de Lourizán desde a súa orixe e que, neste caso, "permite atopar o equilibrio necesario entre natureza e arquitectura" facilitando novos usos na súa contorna.

O equipo gañador, ademais do premio económico de 48.400 euros, será adxudicatario do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución da obra, así como, de ser o caso, para a súa dirección.

Xuntanza do xurado do concurso de ideas para rehabilitar o Pazo de Lourizán
Xuntanza do xurado do concurso de ideas para rehabilitar o Pazo de LourizánXunta de Galicia

A UTE Pinós-Enrich está formada por dous estudios de arquitectura de prestixio cun currículo que inclúe obras como a ampliación do Mercado da Boquería (Barcelona) ou a rehabilitación do Hotel-Spa Son Brull (Mallorca).

Os oito proxectos arquitectónicos que chegaron á fase final deste concurso de ideas formarán parte dunha exposición aberta ao público, que se inaugurará o próximo xoves 14 de novembro na cidade de Pontevedra.

A Xunta de Galicia prevé iniciar as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán o vindeiro ano 2025 co obxectivo de que estean rematadas en 2027.

Proposta da UTE Pinós-Enrich para o Pazo de Lourizán
Proposta da UTE Pinós-Enrich para o Pazo de LourizánXunta de Galicia