Apenas 24 horas despois de que Transportes confirme que cederá ao Concello os máis de tres quilómetros da N-550 entre Pasarón e Touceda (Alba), o goberno municipal avanzou os seus plans máis inmediatos para a avenida de Compostela.
Acometer unha actuación que permita acougar o tráfico e reducir a velocidade en todo o viario será unha das prioridades do Concello, segundo explicou este mércores o edil responsable da área de infraestruturas e mobilidade, César Mosquera.
O obxectivo é "evitar a perigosidade dese tramo", sostivo Mosquera, que indicou que esta avenida, especialmente a partir de Pasarón, é un viario "duro" que foi concibido como unha "vía pechada" e que necesita integrarse na cidade.
"Non será fácil polas cotas", recoñeceu o concelleiro do BNG, que entende que o cambio "total e absoluto" que deberá realizarse nesta avenida para que pase a ter unha "perspectiva urbana" será unha actuación "a cinco ou dez anos vista".
Por iso é polo que independentemente desa futura integración urbana, o Concello encargou xa un proxecto "pequeno" para o acougado de tráfico en toda a avenida, que pasará a estar limitado a unha velocidade de 30 quilómetros por hora, do mesmo xeito que toda a cidade.
Será, "evidentemente" segundo Mosquera, con 'lombos' e pasos de peóns sobreelevados, que permitan fomentar o tránsito dos peóns na zona, sobre todo entre O Burgo e Lérez e o campus universitario da Xunqueira, ao longo de todo o trazado da avenida.
César Mosquera apuntou que "non somos partidarios" de que esa limitación a 30 km/h se active xa de forma automática co traspaso dun viario que "non está deseñado para iso", polo que mentres non se aborde esa transformación haberá un "período de transición".
Esta intervención cambiará, en todo caso, o aspecto da avenida, xa que desaparecerá a pasarela peonil elevada, porque "non a usa case ninguén". A estrutura será demolida e será substituída por un paso de peóns sobreelevado ao nivel da calzada.