A Fundación Amancio Ortega entregará á Xunta a residencia de maiores da Eiriña o 30 de outubro

Pontevedra
18 de outubro 2024
Actualizado: 19:38

A conselleira Fabiola García anunciou que esta residencia se porá en marcha nos primeiros meses do 2025. A Fundación destinou 25 millóns de euros á construción deste centro residencial

Fabiola García e Agustín Reguera
Fabiola García e Agustín Reguera / Xunta de Galicia

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou este venres que os orzamentos da Xunta permitirán pór en marcha nos primeiros meses do 2025 a nova residencia pública de maiores da Fundación Amancio Ortega no barrio pontevedrés da Eiriña.

Fabiola García anunciou que a entrega das chaves á Xunta será o próximo día 30 de outubro.

Das sete residencias previstas, a de Pontevedra será a terceira que reciba "chave en man" a administración autonómica tras os centros de maiores de Santiago de Compostela e Lugo, polo que agradeceu á Fundación Amancio Ortega o seu "compromiso social".

Estes novos centros integraranse na rede pública da Xunta e, segundo destacou a conselleira, situarán a Galicia como "referente mundial na atención residencial ás persoas maiores".

A conselleira puido coñecer esta residencia nunha visita que fixo este venres acompañada do delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera.

Esta Fundación destinou 25 millóns de euros á construción deste centro residencial da Eiriña que disporá de 120 prazas públicas e suporá a creación de máis dun cento de postos de traballo directos no ámbito dos coidados. Dispón de servizos e equipamentos "de vangarda", así como con unidades de psicoxeriatría especializadas na atención a persoas enfermas de alzhéimer e outras demencias.

Fabiola García aproveitou a ocasión para destacar que os orzamentos da súa Consellería para o ano 2025 contemplan en Pontevedra máis de 40 millóns de euros destinados ás políticas sociais, un 10% máis que no presente exercicio.

Este maior investimento permitirá incrementar os fondos dirixidos ao Bono Coidado no Fogar, rematar a remodelación integral da residencia de maiores de Campolongo e manter a gratuidade das escolas infantís, da que se benefician preto de 1.100 familias pontevedresas.

A titular autonómica de Benestar Social destacou que os Orzamentos da Xunta para 2025 serán os máis altos da historia de Galicia ao alcanzar os 13.954 millóns de euros, un 2,6% máis que en 2024.