Os alcaldes dos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade reuníronse este xoves coas asociacións locais por mor do anuncio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico da creación de dous novos proxectos eólicos no interior de Pontevedra.
Trátase, máis concretamente, dos proxectos chamados Xubrintas e Alamoceiros, compostos de 15 e 18 aeroxeradores que sumarían unha potencia de máis de 130 MW. A isto, indican, habería que engadirlle varias subestacións eléctricas para evacuar a enerxía eólica ademais de quilómetros de viais e liñas de alta tensión e a tramitación do parque Chamarrapio.
Ante esta situación e a magnitude do impacto que terán estes proxectos no medio ambiente, o patrimonio cultural e na saúde pública, e tendo en conta a máxima preocupación dos veciños pola proximidade dos aeroxeradores, as subestacións eléctricas e as liñas de alta tensión ás aldeas, os concellos afectados e as asociacións veciñais acordaron, durante a reunión, reclamar por todos os medios posibles ao MITECO que estes proxectos sexan sometidos ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria conforme ao previsto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de Avaliación Ambiental.
Resaltan que no territorio no que expoñen construír os polígonos eólicos celébrase a internacionalmente coñecida Rapa dás Bestas de Sabucedo, sendo o hábitat onde viven en liberdade a poboación de cabalos salvaxes máis grande de Europa. Ademais, tamén se atopa unha das maiores concentracións de arte rupestre de Europa, área arqueolóxica de máxima relevancia que pode contar con petróglifos descoñecidos.
Neste sentido, os argumentos para someter os proxectos Xubrintas e Alamoceiros á avaliación ambiental ordinaria aumentan xa que, xusto nos mesmos montes onde se planean, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decretou a paralización cautelar por posible dano ambiental do Campo das Rosas, Touriñán III-2 e Porto Vidros.
Todos estes proxectos están promovidos polo grupo empresarial Atitlán Helios a través das subempresas Dakotaraptor Invest, S.L., Fukuiraptor Invest, S.L. e Galveosauros Invest, S.L., e en colaboración con Driza-Incosa.