Fronte común en Monte Porreiro para defender a asistencia sanitaria infantil en Pontevedra

Pontevedra
19 de abril 2024

Representantes de diversos colectivos e particulares asistiron á reunión convocada pola asociación veciñal do Mirador para reclamar máis servizos de pediatría no municipio. Neste sentido, Luis Bará, deputado do BNG, demandará a cobertura a tempo completo da praza de pediatra no Centro de Saúde de Monte Porreiro

Reunión veciñal para reclamar pediatras en Pontevedra
Reunión veciñal para reclamar pediatras en Pontevedra / PontevedraViva

Representantes das ANPAS dos centros Marcos da Portela e Luís Seoane, ademais de integrantes de asociacións de Marcón, Verducido, da Federación Castelao e de Petís, asociación en defensa dos dereitos infantís, participaron nun encontro no Centro Cultural de Monte Porreiro, convocados pola asociación veciñal O Mirador, coa intención de crear unha fronte común que traballe co obxectivo de mellorar a actual asistencia sanitaria infantil en Pontevedra.

Tamara Campos, representante da agrupación Loita, informou sobre os procedementos que se deben seguir para demandar un incremento da atención do servizo de Pediatría en todos os centros de saúde do municipio.

Decidiuse crear un grupo de traballo con representantes de diversos colectivos para iniciar accións encamiñadas a presionar ao Sergas para que dote de máis profesionais de pediatría ao municipio.

DEMANDA NO PARLAMENTO

Pola súa banda, o deputado do BNG, Luis Bará, tamén presentou unha batería de iniciativas parlamentarias en forma de proposición non de Lei, ademais de preguntas ao goberno da Xunta, en relación coa deterioración que entenden sofre a atención pediátrica na comarca de Pontevedra.

O BNG sinala a falta de pediatras no centro de saúde de Lérez, que atende a poboación infantil de Monte Porreiro, de Lérez e das parroquias do norte de Pontevedra e do Concello de Barro. 

A consulta de pediatría que se atopaba en Monte Porreiro, que tamén era compartida por Barro, foi trasladada ao centro de saúde de Lérez con motivo da pandemia da covid-19.

Segundo denuncian os nacionalistas, a persoa titular da praza no centro de saúde de Lérez estivo de baixa e recentemente obtivo unha praza en Sanxenxo. Por este motivo, desde hai uns meses, a asistencia cóbrese mediante prolongacións de xornada doutros pediatras. 

Sinalan que se rexistra un empeoramento da atención ao reducirse as consultas a tres horas durante tres días á semana, con aumento dos tempos de espera para citas e falta de continuidade na atención pediátrica polo mesmo profesional.

O centro de saúde de Lérez atende a 471 nenos e nenas.

SOUTOMAIOR

En Arcade, segundo denuncia o BNG, o centro de saúde leva máis de 500 días sen pediatra. Un escenario que para os nacionalistas resulta "escandaloso".

Por este motivo, a través do Parlamento, Luis Bará e a deputada Montse Prado reclamarán á Xunta e ao Sergas que, coa máxima brevidade de tempo posible, se dote a estes centros de pediatras.