Polo menos oito colectivos de Pontevedra deron un paso á fronte e decidiron unir as súas forzas para mostrar o seu malestar co goberno municipal, ao que acusan de falta de diálogo cos veciños e de negarse de maneira sistemática a chegar a acordos con eles.
Na presentación pública desta unión de asociacións, que se celebrou na Praza da Peregrina, o presidente da asociación de veciños O Mirador de Monte Porreiro, Carlos Diéguez, actuou de portavoz de todos estes colectivos.
Explicou que esta fronte común "nace como contrapartida aos problemas que temos co actual equipo de goberno", ao entender que a súa maneira de proceder "limítase a tentar que todos cumpramos os seus caprichos", mesmo mediante "trapicheos".
"Quizá entre todos podamos forzar a situación e que se poida chegar a consensos", sinalou Diéguez, que explicou que ata o de agora se sumaron a esta iniciativa asociacións de Campañó, Lourizán, Xeve, Salcedo, Mollavao, Ponte Sampaio e Mourente.
Todas elas coinciden en que o seu "maior parte do enfado" é co edil de Mobilidade e Obras, Demetrio Gómez, ao que acusan de que é "practicamente imposible" chegar a acordos con el. "Os equivocados non poden ser sempre os demais", asegurou o portavoz veciñal.
O seu primeiro paso conxunto será remitir un escrito ao alcalde para explicar a problemática que existe en cada un dos barrios e parroquias de Pontevedra, pero xa teñen convocada unha concentración para este venres 26, ás 20.00 horas, diante do Concello.
Carlos Diéguez reiterou que esta unión de asociación non ten cariz político, pero non descartou que esta unión que acaba de frutificar poida dar forma no seu momento a unha candidatura para as eleccións municipais de 2023.
"Todos os camiños hai que andalos e isto poderá terminar como termine", subliñou, xa que aclarou que "se pasado mañá se resolven os nosos problemas igual xa desaparecemos porque cumpririamos o noso fin".