Froiz pecha tres supermercados tras completar a compra de Moldes

Pontevedra
22 de outubro 2014

Fontes sindicais confirmaron o peche do supermercado Froiz da rúa José Casal de Pontevedra e das tendas Moldes da rúa Alexandre Bóveda do Grove e de San Roque en Vigo. No caso da tenda da capital, o peche consumouse o sábado 18 de outubro, entre outros motivos, pola proximidade de catro supermercados da cadea en poucos metros, nas rúas Virxe do Camiño, Javier Puig, Loureiro Crespo e Benito Corbal

Antigo supermercado Froiz da rúa José Casal, que pechou o sábado 18 de outubro
Antigo supermercado Froiz da rúa José Casal, que pechou o sábado 18 de outubro

A operación de adquisición de Moldes por parte do Grupo Froiz derivou nos últimos días no peche de tres supermercados na provincia de Pontevedra, un na cidade do Lérez e outros dous nos municipios de Vigo e O Grove.

Fontes sindicais confirmaron que dúas das tendas afectadas eran antigas Moldes e unha delas Froiz. En concreto, trátase do supermercado Froiz da rúa José Casal de Pontevedra e das tendas Moldes da rúa Alexandre Bóveda do Grove e de San Roque en Vigo.

No caso da tenda da capital, o peche consumouse o sábado 18 de outubro tras informalo previamente aos clientes a través dun cartel no que xa se podía deducir os motivos que levaron o peche: a proximidade de catro supermercados da cadea en poucos metros.

Así, a poucas rúas de distancia, en Virxe do Camiño, Javier Puig, Loureiro Crespo e Benito Corbal, hai catro supermercados Froiz e Moldes e o que xeraba menor actividade e número de clientes era o de José Casal, segundo indicaron fontes sindicais.

Ademais, o Grupo Froiz avanza a bo ritmo na conversión dos antigos supermercados Moldes despois de que a compra fora efectiva o 1 de outubro. No caso da cidade de Pontevedra, todos agás un (o da rúa Fernández Villaverde) teñen competado xa o cambio de imaxe corporativa e convertéronse a todos os efectos de imaxe exterior en novos Froiz. Un punto no que os traballadores apuntan que a fusión aínda non está totalmente aplicada é nos uniformes do persoal, pois boa parte aínda conservan os da anterior marca.