O V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrábase este xoves e a Deputación de Pontevedra sinala que desde 2017 preto de 48.000 escolares participaron en talleres, charlas divulgativas e diferentes actividades do Plan Revitaliza.
Nesta ocasión, a cita desenvolvíase de maneira telemática coa presenza da presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, xunto aos 120 escolares dos centros CEIP Froebel de Pontevedra; CEP Riomaior de Vilaboa, CEIP Domaio de Moaña; e CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, que foron seleccionados por ser exemplos de boas prácticas na xestión de residuos.
Carmela Silva agradeceu o traballo que desenvolve o equipo do Revitaliza e o profesorado para apostar por un ensino en clave sostible. Destacou tamén a valentía e o labor de César Mosquera para poñer en marcha un proxecto "moi potente, auténtico e diferente". O proxecto, segundo a presidenta da Deputación, está a cambiar os hábitos da sociedade e recoñeceu a importancia que ten a educación para formar ás novas xeracións de estudantes nestes valores de compromiso ambiental.
O vicepresidente Mosquera quixo facer partícipe ao alumnado deste proxecto que cualificou de "punteiro e transcendente", que se basea en devolver á terra o que proporciona á sociedade e protexer ao planeta de plásticos e outras substancias daniñas. Por este motivo, centrouse na necesidade de sensibilizar e aprender dentro da escola para, a continuación, mostrarse sumamente satisfeito pola resposta dos colexios ás propostas do director do CEIDA, Carlos Vales.
Neste exercicio pasaron máis de 9.100 estudantes por 538 actividades do Plan Revitaliza. Precisamente, o CEIP Froebel, de Pontevedra, foi o centro encargado de iniciar a exposición dos seus traballos sobre a compostaxe e os residuos. Neste colexio do centro da cidade, cada xoves, un grupo de escolares de sexto, en rotación semanal, percorre as aulas do centro colleitando o lixo orgánico que se xera nas merendas. O curso anterior lograron producir un saco de compost, que foi repartido despois entre as familias que o solicitaron. Neste curso queren lograr unha mellor calidade do produto, despois da experiencia inicial.
O CEP Riomaior, de Vilaboa, leva tempo participando no program Revitaliza, con traballos de horta e de elaboración e aplicación do compost. Este ano a súa lema é "síntome ben" e o proxecto céntrase en promover actividades eco-sostibles. Desta forma, os luns coidan o que comen seleccionando alimentos saudables e de proximidade; os mércores destinan a actividade para dar unha nova vida a restos téxtiles e naturais; mentres que os xoves saen a pasear pola beira do río e do mar, recollendo os restos de lixo que se atopan. Por último, os venres comparten actividades saudables de fronte ao fin de semana, ademais de recomendar receitas sinxelas.