A Concellaría de Urbanismo ten en carteira 13 obras urbanas, a metade das cales xa se atopan en marcha. O concelleiro responsable da área e tenente de alcalde, Antón Louro, espera que todos eles estean pechados antes do parón festivo pola campaña do Nadal.
O edil socialista visitou este mércores a conclusión dos traballos no primeiro tramo da rúa Santa Clara que "son merecedores dunha felicitación pola delicadeza e mimo desta obra", dixo "e non o digo só eu, tamén o din os veciños".
Rematado este primeiro tramo, a reforma continuará dende o cruzamento de Alvaro Cunqueiro ata o aparcadoiro do Hiper Froiz, a partir do próximo mes de xaneiro.
Respecto ao resto de "tallos" en marcha, Louro sinalou que "o ritmo de traballo está sendo bó".
Así enumerou que a Pasarela entre Loureiro Crespo e Joaquín Costa ou Praza de José Adrio Barreiro, "practicamente entra en servizo hoxe", o mesmo que acontece na mellora da accesibilidade no barrio de Fontesanta e na Praza de Marqués de Valterra, en Estribela e concluirán "nuns días" as obras da rúa Leiras Pulpeiro, en Campolongo.
Este mércores fíxose efectivo o corte de tráfico no ámbito da facultade de Belas Artes e da Subdelegación do Goberno, para completar a reforma das rúas Maestranza, Marescot e Prudencio Landín.
BLANCO PORTO
A rúa Blanco Porto presenta "algún punto de dificultade", recoñeceu o concelleiro de Urbanismo "porque se fixo unha actuación moi a fondo, como recomendaron os técnicos, e leva un pouco de atraso".
"Agardamos que de aquí ao sábado esa obra estea practicamente rematada, en todo caso, para canalizar por alí ou tráfico que sexa necesario", sinalou o concelleiro "se quedan algunhas cousas de carácter puntual acometeranse a volta do Nadal". Louro rematou cunha mensaxe de tranquilidade para os comerciantes e residentes na zona "non hai problema, que estean tranquilos que van desfrutar dunha rúa saneada e recuperada para os comercios e viandantes", concluíu.