Os datos de casos activos de covid-19 facilitados este luns pola Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra aos alcaldes mostra como nas últimas 24 horas fréase a subida de contaxios na Boa Vila e en Marín pero empeoran os datos de Poio.
Así, en Pontevedra notificáronse 155 contaxios, o que supón dous menos que onte domingo. Esta cifra de infectados polo coronavirus xa se rexistrou o pasado 29 de decembro.
Marín repite o número de casos activos, son 58 as persoas enfermas de covid-19. É dicir, sen variación respecto ao dato de onte.
Con todo, o dato actualizado de Poio marca unha forte subida no número de casos ata os 64, son 11 máis que o domingo.
A nivel galego, os casos activos de covid-19 disparáronse en 455 nas últimas 24 horas, ata alcanzar a cifra de 8.250 pacientes en total. Cabe destacar que o venres eran 6.889, polo que nunha soa fin de semana creceron en máis de 1.300.
Rexistráronse baixadas no número de contaxiados en concellos como a Illa de Arousa (-6) ou Bueu (-5).
Entre os novos contaxiados hai que sumar a un traballador da Residencia Nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis. Na área sanitaria de Pontevedra- O Salnés non hai contaxiados nos centros de maiores pero si persoal, en concreto 1 traballador da Residencia A nosa Señora das Dores de Forcarei, 1 da Residencia de Maiores de Marín, 3 da de DomusVi Ribadumia e 2 da Residencia de Vilaboa.
Este luns vacináronse os usuarios da Residencia de Maiores de Campolongo, na cidade de Pontevedra.