Francisco Lobajeira será homenaxeado polo seu traballo de conservación da tradición dos Maios

Pontevedra
13 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Cun carácter sociable e sempre colaborador con diferentes entidades e colectivos, comezou a súa relación cos maios en "Todos contra o lume", en Arís, e na actualidade continúa colaborando co Maio Vilariño

Concurso dos Maios en Poio 2023
Concurso dos Maios en Poio 2023 / Concello de Poio

A Festa dos Maios de Poio deste ano homenaxeará a Francisco Lobajeira Pérez, veciño de Arís de 81 anos, pola súa contribución, nas últimas décadas, a difundir, conservar e expandir a tradición dos maios no municipio. 

Así o valoraron tanto o Concello de Poio como os diferentes colectivos, que acordaron que el sexa a primeira persoa en recibir este recoñecemento o próximo 1 de maio, no transcurso do concurso dos maios na Praza do Mosteiro. 

Este xoves, día 18, ábrese o prazo para inscribirse neste concurso, e poden facelo desde persoas físicas ata asociacións, grupos, colectivos, centros escolares e agrupacións. Na solicitude, que poden presentala a través da sede electrónica do concello ou no rexistro xeral ata o día 24, deberán incluír o nome, enderezo e teléfono de contacto/enderezo electrónico da persoa representante do maio.

En canto aos premios, repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional. Nestes cinco grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Ademais, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.