Francisco Jorquera (BNG) comezará a carreira cara a Xunta en Vilagarcía

O Salnés
03 de outubro 2012

A praza da Peixería de Vilagarcía será o escenario do arranque da campaña electoral do BNG

A praza da Peixería de Vilagarcía é o escenario elixido polo BNG como punto de arranque da campaña electoral das eleccións galegas do 21-O. Será este venres, 5 de outubro, ás 20:30 horas, cun acto público no que intervirán, entre outros, o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Francisco Jorquera, e o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich.

Neste acto central da campaña dos nacionalistas tamén intervirán as candidatas da comarca do Salnés ao Parlamento Galego Montserrat Prado e Rosa Abuín.

Este acto público servirá como presentación de propostas e do equipo do BNG, para as eleccións galegas do 21 de outubro, unha campaña que ten como lema "Para facerlles frente: Gobernemos nós a nosa terra".

Segundo explica o BNG, este eslogan expresa que os nacionalistas "plántanlle cara aos que non se presentan ás eleccións, aos que toman as decisións na sombra, para facerlles fronte aos gobernos que fan o que lle mandan os poderosos, ao que eliminan dereitos sociais e laborais e aos que queren que Galiza non decida".

Arquivado en