Francisco Conde destaca a importancia do tecido empresarial de Pontevedra na súa visita a Setga

Pontevedra
30 de xuño 2020

Representantes da candidatura do Partido Popular acompañaron ao conselleiro durante o percorrido polas instalacións da empresa e no encontro posterior con novos empresarios da área de Pontevedra

O conselleiro de Economía visita Setga
O conselleiro de Economía visita Setga

A sede da empresa Setga en Pontevedra foi o lugar elixido polo Partido Popular para realizar un novo acto de campaña electoral.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, acompañado por membros da súa candidatura como Lupe Murillo e Guille Juncal, así como do presidente do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, coñeceu de primeira man o traballo e as instalacións desta compañía recoñecida internacionalmente.

"Debemos destacar que Setga fai bandeira de que a súa produción realízase aquí e que traballa tamén con provedores de proximidade", declarou esta tarde o conselleiro.

Durante a visita, os membros da formación popular felicitaron aos traballadores de Setga pola recente adxudicación da renovación de 42.000 puntos de luz na cidade de Ámsterdam.

"Trátase do maior cambio a tecnoloxía LED implementado no noroeste de Europa, e non podemos estar máis orgullosos de que sexa realizado por unha empresa da nosa cidade. Pontevedra non se podería entender sen empresas como Setga, que traballan nalgúns dos proxectos máis emblemáticos e representativos da escena mundial", subliñou Conde.

Representantes da empresa aproveitaron tamén a visita dos populares para presentarlles o proxecto da súa nova nave no polígono industrial de O Campiño.

Os populares destacaron que empresas como Setga teñen un papel crave dentro do tecido empresarial pontevedrés para a reactivación da economía da cidade. Nesta liña, Conde valorou que se trata dunha empresa con “moita xente nova con gran formación, nun sector que segue crecendo e creando postos de traballo, o que é un orgullo para Pontevedra e para toda Galicia”.

Acto seguido, os populares mantiveron unha charla-coloquio con preto dunha vintena de mozos emprendedores da cidade e a súa comarca, na que quixeron destacar a importancia e o valor do talento novo galego. “Nestes momentos, é clave o que podedes achegar, a vosa innovación, o voso dinamismo. Os vosos perfís e marcas son fundamentais para o tecido empresarial da nosa comunidade”, destacaron os populares.

"Sodes unha peza fundamental para a recuperación económica, e o voso papel é clave para lograr unha recuperación longa e duradeira", díxolles o conselleiro en referencia á crise económica derivada da pandemia.