Fracasa o intento de revogar o comité de empresa na fábrica de Ence

Pontevedra
23 de xaneiro 2020

Nas dúas asembleas celebradas este mércores na factoría de Lourizán só un 23,5% do persoal apoiou a marcha do actual comité e a convocatoria de novas eleccións sindicais. Ata maio está previsto que se manteña CC.OO. presidindo o comité e despois será a CIG quen ocupe ese posto

Cadea humana dos traballadores de Ence
Cadea humana dos traballadores de Ence / Mónica Patxot

Ence convertíase este mércores nun escenario de tensións sindicais. Durante os últimos días, unha plataforma formada por un grupo de traballadores reuniu as sinaturas suficientes para convocar unha asemblea do persoal cun só punto do día: a revogación do actual comité de empresa da factoría de Lourizán.

Nestes momentos o comité de persoal está formado porcinco delegados de Comisións Obreiras, outros cinco delegados de CIG e tres de UXT, tras os resultados das eleccións celebradas en maio de 2018. Ata maio deste ano, segundo o acordo alcanzado entre as forzas sindicais, Comisións Obreiras sostén a presidencia dentro do comité e antes do verán será o sindicato nacionalista CIG quen se encargue de tomar as rendas da representación do persoal durante os dous próximos anos. 

Ante este panorama, traballadores da empresa afirman que o movemento emprendido durante estes últimos días para revogar ao actual comité estaba dirixido pola propia dirección de Ence para evitar o cambio na presidencia do comité e mesmo outras fontes sindicais sitúan a José Luis García Pedrosa, secretario da organización de Comisións Obreiras, detrás desta operación "aínda que os compañeiros de CC.OO. no comité dicían que non eran eles", afirman desde UXT. Con todo, o intento de derrocar ao actual comité para convocar novas eleccións sindicais fracasou estrepitosamente. 

A oposición ao comité obtivo 66 votos nas dúas asembleas celebradas este mércores mentres que 54 traballadores votaron en contra e 3 papeletas foron nulas. Por seccións, no departamento de técnicos e administrativos, 22 votos foron favorables á revogación e 23 en contra, mentres que no de especialistas 44 apoiaron a proposta e 31 non a secundaron. Desta forma, só o 23,5% dun censo de 280 traballadores mostrouse partidario de tombar o actual comité de empresa con só 66 votos cando eran necesarios 141 apoios para alcanzar ese obxectivo.

"Os traballadores queren que o comité continúe", afirma un operario da empresa a PontevedraViva sinalando que non é o mellor momento para cambios deste tipo. Pola súa banda, Marcos Conde, secretario comarcal de CIG, afirmaba que "nunca entendín que se estivera revocando aos compañeiros da CIG. Esta acción era contra a totalidade do comité" e "non son quen para dicir quen estaba detrás". Desde a central nacionalista sinalan que a partir de maio asumirán a presidencia do comité entendendo que hai moito traballo por facer nunha empresa importante con "moitos problemas".

Arquivado en