Os veciños da parroquia de Forzáns, en Ponte Caldelas, teñen prevista para este sábado 23 ás 12 horas a primeira mobilización cidadá contra a proposta do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de crear un encoro no río Oitavén.
Alegan os afectados que o proxecto conta cunhas dimensións desproporcionadas composto por unha parede de formigón de 333,5 metros de lonxitude e 50 metros de alto nunha paraxe natural incomparable que acabaría asolagada. Co obxectivo de impedilo, celebrarán unha concentración este sábado ás 12 do mediodía na rúa da Ponte, en Ponte Caldelas xunto ao río Verdugo, con pancartas e carteis instando aos conductores a que accionen o claxon dos seus vehículos para amosar a súa disconformidade e rexeitamento deste proxecto.
“Imos facer tanto ruído en contra do encoro que se nos vai a escoitar ata en Vigo e Caballero terá que enterarse dunha vez que o seu proxecto non se fará porque destruiría por completo un río, un paraxe natural inimitable e sería unha agresión en toda regra contra o modo de vida da xente do rural á que siguen empurrando e machacando”, indicou a presidenta da Asociación de Veciños de Forzáns, Pilar Fernández Álvarez.
Esta foi a principal decisión adoptada na xuntanza celebrada onte no Centro Sociocultural de Forzáns pola comisión veciñal encargada de coordinar todo o proceso de rexeitamento ao encoro no río Oitavén e que será ampliada á participación de todo tipo de colectivos que xa manifestaron o seu desexo de colaborar e que se materializará a través da creación da Plataforma “Encoro no Oitavén non” que se constituirá o vindeiro sábado 7 de maio ás 17 horas en Forzáns.
Por outra banda, os veciños de Forzáns agradecen a colaboración amosada polo colectivo A Rente do Chan - Pladever, que liderou a loita contra o trasvasamento do río Verdugo de hai uns anos e que agora será a encargada de levar o peso principal dos estudios técnico-científicos que se van a elaborar para argumentar o rexeitamento á proposta de Abel Caballero de crear un encoro no río Oitavén.
Finalmente, os veciños de Forzáns agradeceron as numerosas mostras de apoio que se lle fixeron chegar desde toda Galicia para opoñerse ao encoro do río Oitavén.