Forestalis, Club Ciclista Farto, CIM de Marín e Estudo Bonobo, premiados por traballar pola igualdade

Pontevedra
24 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Trátase de catro entidades recoñecidas pola  Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) na edición 2024 dos ‘Premios Mulleres Femupo’, que cada ano recoñecen e visibilizan o traballo destacado daquelas mulleres e entidades que, desde o seu eido, traballan a prol da igualdade

Entrega dos Premios Mulleres Femupo 2024 no Club Naval
Entrega dos Premios Mulleres Femupo 2024 no Club Naval / Xunta de Galicia

A empresa Forestalis no ámbito empresarial, o Club Ciclista Farto no ámbito deportivo, o Centro de Información á Muller de Marín no eido administrativo e o Estudo Bonobo no campo cultural. Estas catro entidades foron recoñecidas na noite deste sábado pola súa contribución á igualdade na provincia de Pontevedra. 

Trátase de catro entidades recoñecidas pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) na edición 2024 dos ‘Premios Mulleres Femupo’, que cada ano recoñecen e visibilizan o traballo destacado daquelas mulleres e entidades que, desde o seu eido, traballan a prol da igualdade.

Os premios entregáronse no local Bizarro, no Club Naval de Pontevedra e as galardoadas recibiron unha figura que representa a provincia de Pontevedra en mans dunha muller.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou no acto poñendo en valor o traballo das persoas e entidades galardoadas e sinalando e sinalou que tanto os pequenos xestos como premios coma estes contribúen a poñer a igualdade como imperativo no foco e a remover conciencias, mostrando que o progreso só é posible coa achega do conxunto da sociedade.

A representante autonómica tivo palabras de recoñecemento para os galardoados pola súa traxectoria destacada a prol da igualdade entre mulleres e homes no mundo empresarial, deportivo, institucional e cultural, respectivamente.  

Rivo tamén sinalou que a necesidade de rachar cos estereotipos e de conseguir que todas e todos teñan as mesmas oportunidades non se limita a un único eido da vida, senón a todos e a cada un deles.

Femupo destaca que o labor das entidades premiadas promove a igualdade e contribúe á participación activa das mulleres en todos os ámbitos da sociedade e contribúen de maneira significativa a promover un cambio positivo e duradeiro na sociedade.