O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou que o Goberno de España investirá máis de 7 millóns de euros en tres empresas da provincia no marco do PERTE de Economía Circular, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Foresa (Caldas de Reis), Alumisel (O Porriño) e Ecocelta (Ponteareas) recibirán achegas dos fondos Next Generation por valor de máis de 7 millóns de euros para desenvolver catro proxectos dirixidos á mellora de xestión de residuos e á redución do consumo de materias primas virxes. O investimento total das catro iniciativas acada os 19,9 millóns de euros.
O subdelegado destacou que estas axudas "situarán a Pontevedra á cabeza de España no eido da economía circular, xa que permitirán desenvolver proxectos innovadores e únicos que contribúen a avanzar cara un futuro máis verde e sostible".
Neste sentido, Abel Losada destacou a axuda de 3.060.501 euros que recibirá a empresa caldense Foresa para a posta en marcha dunha planta de fabricación de biorresinas na localidade.
Esta novo centro estará destinado á fabricación e comercialización dun novo produto de biorresina, que permitirá substituír a aquelas resinas convencionais que empregan folmadehído, substancia perigosa segundo a Unión Europea, e molibdeno, un metal crítico para a industria.
A nova biorresina estará fabricada cun concentrado de taninos extraído da cortiza de coníferas procedentes dos residuos de fabricantes de madeira da área.
Losada destacou "o impacto dun proxecto como este, que se adapta á contorna na que se desenvolve ofrecendo unha saída a un excedente tan común na nosa zona como é a cortiza".
Segundo explicou o subdelegado, "o investimento, que supera os 9 millóns de euros, prevé a execución dunha planta piloto a escala de laboratorio para a mellora continua do proceso e a execución dunha planta a escala industrial de forma paralela".